Fusión de literatura, pintura e música arredor de Barbantia

BARBANZA

Literatura, pintura e música fusionáronse no acto celebrado en Rianxo

02 feb 2020 . Actualizado a las 05:10 h.

Cada mes, Barbantia ten unha cita pública coa cultura, e en xaneiro, é obrigado desembarcar en Rianxo, xa que a vila celebra o nacemento da figura máis senlleira do galeguismo: Castelao. Nesta ocasión, fusionáronse tres modalidades de arte: a literatura, como é habitual nas actividades barbantianas, a pintura e a música. Na primeira, foi o malpicán Héctor Pose o que falou do seu novo libro, Escribirme, axudado polas preguntas de Xesús Laíño; mentres que a pintura recaeu nas mans dun artista contrastado, o aguiñense Manuel Ayaso, que fixo un gravado a pluma sobre placa de bronce; e a música, no grupo de frautas Leliñas.

Pose explicou que o libro está baseado nunha situación que viviu de mozo, aínda que non é autobiográfico. Segundo dixo, un amigo seu namorouse dunha rapaza, unha relación moi perigosa porque eran de familias que se levaban mal e, por riba, ela marchou a estudar a un colexio relixioso da Coruña e díxolle ao mozo que tiña que escribirlle cartas. E este encomendoulle a tarefa a Héctor Pose, que ademais tiña que recibir as misivas para que non se decataran as familias.

Explicou o autor que Malpica é coma o seu Macondo, porque é onde naceu e medrou e a súa familia reside alí, polo que moitos dos temas que conforman a súa obra están ambientados na vila da Costa da Morte.

Ao longo de Escribirme o lector vai atoparse con alusións críticas á política e incluso á educación, que son froito da percepción do escritor, como recoñeceu o propio Pose, e chiscos á música, porque o autor confesou que cando escribe sempre o fai escoitando temas musicais.

Preguntado pola variedade temática das súas obras, pois foi autor de libros como SCD Malpica, 40 anos de fútbol; O fútbol na Costa da Morte, ou Donato; e Doce lúas, Héctor Pose desvelou que o libro do Malpica foi por axudar ao club da súa vila; mentres que o de Donato foi a petición do ex xogador do Deportivo, e contou como o hispano-brasileiro o convenceu para facer a obra.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, expresou o seu agradecemento a Barbantia por elixir a vila para os seus actos e destacou a colaboración da entidade con La Voz para facer o suplemento A Voz de Barbantia.

Pechou o encontro Manuel Ayaso explicando a súa obra, unha técnica nova para el, pero moi antiga no mundo do gravado, que espera que saia ben.