Traumas adultos


Non hai moito aconteceu unha traxedia en Galicia, e digo traxedia pola reacción de moita xente. Nun partido de nenos de 11 anos o resultado final foi 31 a 0. Recordoume un caso similar en Valencia. O CD Serranos despediu o adestrador por non impedir que o seu equipo gañase 25-0 pois, o presidente cría que o adestrador debera evitar que metesen tantos goles, non permitindo así aquela humillación intolerable.

É un debate recorrente e farisaico. Aos adultos encántannos ofrecérmonos ao mundo como persoas de gran ética en cuestións que non supoñen esforzo nin gasto. Coñezo pais que se negan a que os fillos xoguen a deportes competitivos, e que despois os preparan para sacar as mellores notas nun sistema educativo que eles mesmos cualifican de moi competitivo. E celebrábano! Porque a verdade é que os nenos non collen ningún trauma por perder 31-0 se a contorna reacciona con naturalidade. O seu alto sentido da xustiza dilles que a obriga do rival é marcar o maior número posible de goles. Só se senten humillados se os contrarios deixan de xogar con intensidade ou se os pais sobreactúan esaxerando a importancia do resultado.

Sei que hai moita xente en contra dos xogos competitivos na infancia. Nunca o entendín. Saber gañar e saber perder, sempre que se respecten as regras, é unha das aprendizaxes máis cívicas que os nenos poden recibir. Nin se traumatizan por perder nin se endeusan por gañar. Traumatízanse ou endéusanse pola reacción do contorno. Hai anos, un profesor amigo meu díxolles aos alumnos de 12 anos da súa titoría de 1º ESO B do IES de Espiñeira (Boiro) que, catro días despois, íalles caer o mesmo exame que esa mañá lles ía poñer aos de 1º ESO A, un curso que todos os profesores gababan por sacar moi boas notas. Agardaba que así mellorasen os desastrosos resultados académicos que tiñan. Porén, cando corrixiu os exames, os ceros seguiron sendo masivos. Enfadado, preguntoulles aos alumnos, uns alumnos que xogaban a deportes competitivos, coma o fútbol, desde nenos, por que non lles pediran o exame aos de 1º A. Porque nos caen mal, respondéronlle ao unísono.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Traumas adultos