The Ramones

Ramiro Ouviña

BARBANZA

CEDIDA

31 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A feira de Pedra Leirada era unha cita marcada en vermello nos calendarios da casa dos Patexos. Cada ano, Ramón e Ramona renovaban, na intimidade procurada polas árbores mestas da estremeira do campo da feira, o seu primeiro encontro «carnal», como Ramón gostaba de cualificar aqueles encontros breves e apresurados. Non era mérito menor lembrar e celebrar uns «fun polo aire e vin polo vento», máis voluntariosos que satisfactorios.

Tamén este ano, como tantos outros, o mellor da feira fora o cocho que nela mercaran. A Ramón e Ramona arrubiábaselles a cara cando cada mañá lle abrían a porta da corte para que saíse saudar o día. Tiñan, e merecían, sona de famentos e avarentos, el e, tal-para-cal-maragota-e-media, ela.

-Non hai nada que pensar, vaise chamar Monchiño -dixera Ramona cando á casa chegaran despois da feira.

Dende o primeiro día do porco na corte, matinaron en como crialo sen gastar. Foi Ramón quen tivo a idea de o guiar leiras arriba, para que buscase o seu sustento. Pata atada e corda longa, non fose que o bicho pasase fame. Polas tardes, antes de que o sol se agochase, recollíao Ramón, non porque crese que a escuridade lle dese medo ao animal, senón porque lle daba medo a Ramón, que ben sabía que a escuridade é amiga, e cómplice, dos que se namoran de xoias alleas.

Aprendeu o porco o camiño que o levaba a comer en soidade e que o traía a durmir onda os seus. Era abrirlle a porta a Monchiño, liberado e con fame, e correr o cocho na procura do necesario. Era ser o comezo do solpor e entrar Monchiño pola porta da eira.

E Ramón e Ramona tan felices, ocupados no seu.

Aquel día de novembro, ao deixar o porco a eira camiño dos prados alleos, puido ver a Ramón que limpaba e alistaba o baño de madeira, namentres Ramona refregaba co cepillo mollado en auga e lixivia o banco que sería dous días despois a derradeira padiola de Monchiño.

Foron ambos os dous pasando as horas en escoller e arrombar os lenzos limpos, preparar os monllos de palla para o escamiñado, disporen os sacos de sal groso, afiaren os coitelos, seleccionaren as tarteiras para o sangue, os riles, o touciño.

Chegou a noite e atopounos sentados un a carón do outro, cansos pero satisfeitos porque xa todo estaba listo para o gran día. De súpeto, ao se miraren, comprenderon que algo faltaba, que Monchiño aínda non estaba na corte.

E Monchiño non volveu. Nin esa noite, nin ningunha outra. Uns din que o viron comandando un grupo de porcos bravos polas chairas do Folgoso, outros sitúano polas congostras que dan ao río dos Cestos. En liberdade da procura da comida e do cocho no que durmir. Cada día.

Ramiro Ouviña O.

Lector, espremendo a vida