A nai da miña irmá

MARINA LOSADA VICENTE

BARBANZA

CEDIDA

31 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Poñamos que era máis feminina, se visualizas ordenada con femia. Poñamos que era de seu máis atenta coas cousas da casa, se confundes aprendizaxe con predisposición.

Poñamos que Matilde era participativa de forma natural, cun enfoque altruísta sobre a cousa común. Poñamos que a nai viu nela as calidades nas que licuarse.

Poñamos que súa irmá Luísa era outra cousa, se visualizas desidia con capacidade. Poñamos que era máis belixerante, máis competitiva, máis egocéntrica quizais. Poñamos que a nai viu nela o que non puido ser. Poñamos que a animou a estudar. A viaxar. A ser unha profesional. Con título para enmarcar.

Poñamos que nacidas do mesmo cordón umbilical, as irmás viviron realidades dispares que as foron afastando. Poñamos que na medida que lle corresponde, como berce e como iniciación, a casa forxou o carácter das irmás e a súa pose vital.

Poñamos que á volta dos anos, no desandar do camiño, nun exercicio de disonancia case natural, redistribución inversa dos roles, Matilde esqueceu a casa e Luísa retorna á nai.

Poñamos que, aínda hoxe, cada vez que Luísa se gaba da boa crianza que tiveron, Matilde pregúntase como é que súa irmá non se decata de que non son fillas da mesma nai.