Álex Vidal: «Traballas durante catro anos para que todo se decida nun único día»

O ribeirense prepara os Xogos de Tokio 2020 coa ilusión de quen ve cumprido un soño que parecía imposible


Álex Vidal (Ribeira, 1981) recibiu, fai pouco máis dunha semana, a noticia pola que levaba meses esperando. Estará nos Xogos Paralímpicos de Tokio, a súa «guinda do pastel» a unha carreira na que, ademais de saborear ouros mundiais e europeos, deixa o camiño marcado para todos aqueles que veñan detrás del. O seu paso polo parataekuondo pode definirse cunha frase: non hai muro demasiado alto si existe o valor e a constancia para intentar derrubalo.

-Xa está de volta na casa despois da última concentración coa selección española.

-Si, foron unhas xornadas moi enfocadas cara o preolímpico, ao que irán varios compañeiros do equipo nacional. Estivemos falando tamén como vamos a planificar a miña preparación, pero ata que saibamos cantos españois temos pasaporte para Tokio é pronto. Tamén miramos a posibilidade de ir os días 16 e 17 de febreiro a Israel. A súa selección ten un rapaz que queren mandar ao preolímpico e queren rodalo. O problema destas concentracións é que son pouco tempo, no que se intentan facer moitas cousas.

-Demasiada carga?

-Igual podían ser máis pausados, pero os técnicos fano para ver como estamos de forma. Tamén tiñamos previsto ir ao Líbano a competir, pero están buscando alternativas por se ao final é imposible. Por exemplo, traer un equipo de fóra a adestrar aquí.

-Comezou co adestramento? Como o leva?

-Estamos traballando xa de cara ao primeiro microciclo, pero por agora é difícil facer unha planificación, non é o mesmo ir un español que catro. Estamos enfocados, pero aínda depende diso.

-Recorda os seus comezos neste mundo deportivo? Imaxinaba chegar a ser olímpico?

-Foi no 2002, facía taekuondo saúde, co grupo dos adultos. Non o imaxinaba nin de broma. En 2007 empecei a combate. Cando comezas sabes que o teu nivel non vai ser o dunha persoa sen diversidade. No 2009 empezamos co parataekuondo sabendo que non era un deporte olímpico. Faciámolo a nivel internacional, pero non tiñas marcado Xogos Olímpicos. Cando soubemos que o parataekuondo sería olímpico en Tokio xa cambiou todo.

-Que significaba?

-Para min era poñerlle a guinda ao pastel. Calquera deportista que practique un deporte olímpico ten ese soño. A pesar de que traballas durante catro anos para que todo se decida nun único día. Todo ese esforzo é moi duro, pero falo para conseguir unha meta. Para min, cando recibín a noticia foi un alivio.

-A próxima Olimpiada é en París, no 2024, vese alí?

-É difícil. Como digo, primeiro vamos a facer este ano. Veremos como acabamos. Un ano máis ao máximo nivel seguramente o faga para ver como responde o corpo. Pero catro anos fanse moi longos. Ten en conta que levas golpes tódolos días [ri].

-Ten sorte de formar parte dun equipo moi unido coma o Natural.

-É como unha familia, non só no taekuondo, xa mesmo na sala. Sempre atopas algún amigo de Ribeira. Adestras moi a gusto.

-Entendo que gozaron coma vostede coa boa noticia.

-Incluso me atopei a nais do club que estaban chorando. Dicíalles que non se puxeran así, que non era seu fillo [ri]

-E na súa casa? Mais aínda?

-O certo é que a familia está moi contenta. Sabían o traballo que había detrás, o que vas pasando a diario... Foi un alivio, despois de estar na corda frouxa sentes alivio e ledicia.

-Mereceu a pena entón?

-A verdade é que si, cando me operei en 2016 pensei en deixalo. Ca miña diversidade, cunha muleta... foi difícil. Tiven o apoio de Luis Casais. Falando con el e facendo ben as cousas puiden recuperarme. Dende aquel non me volvín a lesionar. Non me arrepinto de nada.

-Entón non pensa na retirada?

-De momento no, como dixen, catro anos vai a ser moi difícil que os aguante, pero no 2021 hai Mundial e quero estar. A partir de aí non me poño fechas, igual me atopo perfectamente fisicamente ou digo, ata aquí cheguei.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Álex Vidal: «Traballas durante catro anos para que todo se decida nun único día»