«O noso principal obxectivo este ano é engancharnos ao xacobeo»

Ruiz considera que a comarca ten moito potencial, tanto polo seu entorno natural como pola calidade da gastronomía


Ribeira / la voz

Fai pouco máis dunha semana, Manuel Ruiz tomou o relevo de José Ramón Romero como presidente da Mancomunidade Arousa Norte. Nese acto, Ruiz xa adiantou algunhas das liñas de traballo da entidade para este 2020, que seguirán buscando potenciar a zona norte da ría como destino turístico.

-Actualmente, que momento atravesa Arousa Norte?

-Pois superando un momento complexo polos problemas que tivemos coa xerencia e agardando unha nova licitación que faga posible ter as ideas claras. De tódolos xeitos, creo que a contratación provisional de Irene Maneiro neste tempo de transición deulle un pulo importante ao traballo da mancomunidade para superar unha situación difícil.

-Falando xa de futuro, unha das claves deste ano será explotar todo o relativo ao Camiño.

-Nós tiñamos o que ninguén tiña, que é a traslatio, pero non tiñamos o que todos tiñan, que era unha senda terrestre. Isto vai supoñer un compoñente espiritual e turístico, co que iso significa no apartado económico das localidades. É unha oportunidade que non podemos deixar escapar. Pero os Camiños fanse con camiñantes, non só dándoos a coñecer, como faremos en Fitur. É necesario poñer en marcha iniciativas para que se percorra. Agora xa está definido practicamente ao 100 % e iso permite comezar a impulsar actividades.

-Vostede chegou a dicir que este tema era unha inquedanza persoal súa e que lle sorprendeu gratamente que houbera xente traballando nesta cuestión.

-Hai moitos anos que tiña unha inquedanza neste tema. Ao final, creo que apoiándonos en estudios históricos e asociacións como Amigos do Camiño do Barbanza A Orixe demos coa tecla adecuada. Aínda que tarde, podemos ser os primeiros. Ninguén pode presumir de ter unha ruta que segue o percorrido que fixo o Apóstolo, e pódese facer ría arriba ou ría abaixo.

-Entón, neste 2020 ten que facerse a aposta definitiva?

-O noso principal obxectivo este ano é engancharnos ao xacobeo e sacar réditos a partir do 2021. Na actualidade, poucas comarcas de Galicia quedan fóra do que implica o fenómeno xacobeo.

-Outro dos puntos fortes é o turismo náutico. Está prevista a súa potenciación?

-E non só o turismo náutico de vela, senón tamén potenciar o dedicado ao deporte. Temos condicións moi boas nalgúns puntos da comarca para que se practique surf, windsurf ou pádel surf. Sempre é posible atopar un lugar con vento ou ondas, e iso tamén hai que aproveitalo.

-Na súa toma de posesión falou de promover o que ten que ver coa ornitoloxía. É factible?

-Nós escapamos dun turismo de masas. Un dos nosos atractivos é a paisaxe e a natureza e as masas non axudan á súa conservación. Temos espazos, como o parque natural, e observatorios para os amantes da ornitoloxía. Sumando pequenas cousas faise un turismo diferencial, ademais do de sol e praia. Inténtase desestacionalizar a chegada dose visitantes á zona.

-Tamén dixo que buscarían colaboracións con outros concellos.

-Na propia área temos xa avanzadas colaboracións con municipios como Dodro ou Padrón, pero tamén é importante facelo con outros cos que estamos vinculados en temas arqueolóxicos, como pode ser Porto do Son. Pero nós somos Arousa e xa estamos en contacto cos concellos do sur da ría. A súa experiencia pódemos axudar a mellorar.

-E despois está o interese por impulsar a gastronomía.

-Hai que ir máis alá de celebrar feiras gastronómicas, demostracións e certos eventos. Debemos facer un traballo importante na formación e para iso as escolas de Boiro e Ribeira son un marco ideal para comezar ese camiño. De novo non somos os primeiros cando temos o mellor e a maior cantidade de produto de Galicia. A nosa oferta neste campo podería ser moito mellor é non o está a ser na actualidade.

«Hai que potenciar a vinculación coa outra parte da ría»

Moitas veces, Barbanza semella a gran esquecida das Rías Baixas. A comarca medra en canto a turismo se refire, pero faino pouco a pouco a pesar de ter todos os elementos necesarios para ser un polo de atracción de visitantes.

-Sería positivo crear unha imaxe de marca en torno a Arousa norte que represente claramente aos catro municipios?

-Esa é unha cuestión que sempre estivo na mente dos alcaldes que tiveron responsabilidade na mancomunidade. É algo moi debatido. Toda Arousa debería identificarse coas Rías Baixas. Sempre se fan apostas por marcas diferentes cando é máis rendible apostar por unha. Hai que potenciar esa vinculación coa outra parte da ría.

-Estudan a posibilidade de potenciar iniciativas privadas que supoñan un atractivo máis para os visitantes da comarca?

-É a pescada que se morde a cola. O noso empresario tradicional pode estar agardando beneficios demasiado cedo e, ao final, a oferta chega a contagotas. Empresarios doutras comarcas están a apostar pola nosa e iso debería poñerlles as pilas aos de aquí. O turismo vai asociado ao ocio, é raro que alguén busque un sitio aburrido. O sector privado é unha parte importante.

-Ve viable que a mancomunidade amplíe os seus ámbitos de actuación máis alá do turismo?

-Desgraciadamente, o momento máis axeitado para que iso sucedese xa pasou. Houbera sido o ideal, pero na actualidade, por cuestións legais, é imposible levalo a cabo. Cando o sexa, os concellos deberían intentar mancomunar servizos, aínda que non é unha tarefa sinxela.

-Consideran ofrecer paquetes turísticos con actividades más agrupadas por concellos?

-Na última xuntanza foi unha cuestión na que incidimos. É necesario que todos os departamentos municipais se involucren para coordinar actuacións que non só teñan reflexo na mancomunidade. Facelo de forma coordinada sería beneficioso para todos. Só co orzamento de Arousa Norte non podemos facer comarca a nivel turístico. A axenda cultural común e non individual, que será presentada en breve, marca o camiño a seguir.

-Definíndoo brevemente, cal é o modelo que queren implantar?

-A intención é desestacionalizar o turismo e que sexa diferenciador, de calidade e accesible.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«O noso principal obxectivo este ano é engancharnos ao xacobeo»