Luis Bello Juanatey: O obxectivo que exalta Latinoamérica

Recolle paraxes, costumes e comidas típicas nunha colección de trinta fotografías


ribeira / la voz

Ata hai pouco, Luis Bello Juanatey era coñecido polas súas facetas de xornalista e produtor. Esta última serviulle para facerse cun Emmy no 2016 pola serie de televisión estadounidense Más motor, pero desde finais de decembro o noiés amósase na casa de cultura Avilés de Taramancos convertido en fotógrafo. Coa súa cámara quixo recoller a cara máis amable de Latinoamérica, para compartir con todos as paisaxes, os costumes e as comidas que lle chamaron á atención, pero tamén para facerlle xustiza á emigración. Ao fin e ao cabo, el tamén é un inmigrante en Estados Unidos, onde ten instalada a súa empresa, ADC Media Productions.

Inmortalizou as estampas que agora exhibe na súa vila natal ao longo dos catro anos que pasou percorrendo Sudamérica por motivos laborais. A súa misión era entrevistarse cos responsables dos medios de comunicación de diferentes países, pero no tempo libre, aproveitaba para sacar a súa vea de xornalista e lanzarse á aventura. Tivo, como embaixadores, aos correspondentes da CNN cos que traballara anteriormente, que lle axudaron a atopar a esencia de cada recuncho.

Había outro fin, moito máis sentimental, que movía a Luis Bello, e que o animaba a buscar as mellores estampas. Comprometérase a ser en Latinoamérica os ollos de Francisco Otero, un xornalista amigo enfermo de ELA: «Dalgunha forma, el veu comigo naquelas viaxes, pois eu compartía todas as instantáneas». E tamén a serie de vídeos que o noiés realizou naquelas travesías.

Os espectáculos de toros que se suceden en cada pobo de Centroamérica, nos que o fin non é por certo a morte do animal; o cristo negro da catedral de Guatemala; os mercados de São Paulo ou da República Dominicana, onde é posible atopar singulares pezas como os bonecos de vudú; as comidas típicas de cada lugar... «Son imaxes que a calquera galego lle poden chamar a atención», destaca.

Arte, cor e crítica social

A Luis Bello, o que máis lle sorprendeu das viaxes foi comprobar a diferente evolución que seguiron as culturas dos países de fala hispana que se atopan a un e a outro lado do Atlántico: «Hai por exemplo unha fotografía na que se ve unha catedral de Ecuador pintada de cores rosa e amarela, e nos capiteis hai representados animais da selva. Algo impensable aquí, coma o feito de que na praza na que se sitúa este monumento, as iguanas, algunhas de máis de dous metros, comparten espazo coas pombas».

Da colección, no seu conxunto, destaca a luz e colorido, pero tamén a parte crítica: «Hai algunha imaxe vinculada co mundo da prostitución en Brasil, onde hai cabinas telefónicas no medio da rúa nas que é posible seleccionar á prostituta».

Pasaporte a Latinoamérica non é o primeiro traballo fotográfico do noiés. Con anterioridade, realizara unha reportaxe gráfica sobre o derrame de petróleo que se producira na costa do Golfo de México a consecuencia da explosión dunha plataforma. Asegura que o segundo chegou por casualidade: «Tiña que recoller en imaxes todo aquilo que me estaba chamando a atención. Non puiden resistirme».

E non se arrepinte, nin moito menos, de ter tomado a decisión. O interese que está a espertar a exposición de Noia é tal que xa ten confirmada unha próxima parada: a cidade compostelá. A Luis Bello mesmo lle quedaron gañas de seguir por este camiño e lanzarse a por unha terceira reportaxe gráfica, pero de momento, o traballo supón para el un impedimento. Vive a cabalo de Atlanta, onde se atopa a sede da súa produtora, e Galicia, onde trata de pasar entre dous e tres meses cada ano. Nunca descansa: «Conseguín que a miña mochila sexa a miña oficina grazas á innovación tecnolóxica».

Información

A exposición. A colección Pasaporte a Latinoamérica está integrada por unhas trinta fotografías realizadas en oito países.

Os prazos. A mostra está aberta desde finais de decembro na casa de cultura de Noia. Alí permanecerá a disposición do público ata o 28 de febreiro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Luis Bello Juanatey: O obxectivo que exalta Latinoamérica