O BNG encoméndase a Castelao para liderar o cambio político en Galicia

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Ana Pontón situou a pesca, a tarifa eléctrica e o plan forestal entre as prioridades

13 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como vén ocorrendo desde hai xa varios anos, o BNG celebrou o arranque do curso político en Rianxo, coincidindo co 70 cabodano de Castelao. Pero, nesta ocasión, a formación chegou á vila barbancesa con ánimos renovados. Un dos motivos, o regreso do Bloque ao Congreso: «Galicia volve a estar presente no debate político; do que non se fala, non existe, e hoxe Galicia existe», sinalou Ana Pontón, que acaba de ser proclamada candidata ás vindeiras eleccións autonómicas. O outro, o cambio político que segundo a líder nacionalista se empeza a ver en Galicia: «O BNG ten que levar o temón do próximo goberno da Xunta».

Coa presenza entre o público do deputado nacionalista en Madrid, Néstor Rego, a portavoz nacional fixo referencia ao acordo de investidura asinado co PSOE, apuntando que se trata dun «acordo histórico para Galicia que deixa espido a Feijoo, pois o Bloque conseguiu máis nun mes que el en dez anos desde a Xunta». Dos puntos dese acordo destacou o abaratamento das peaxes da AP-9, o incremento dos recursos para as persoas dependentes, as melloras para os emigrantes retornados, o compromiso para sanear as rías e o aumento dos medios para a loita contra a violencia de xénero.

Do mesmo xeito, Ana Pontón avanzou os que serán os puntos clave do programa do BNG de cara ás vindeiras eleccións autonómicas e que pasan por conseguir un prezo xusto para a enerxía eléctrica, plantarlle cara ao modelo europeo sobre a pesca, rexeitar a mina de Touro e cambiar a política forestal: «Non podemos seguir vendo como se hipoteca o futuro por unha empresa como Ence. Non pararemos ata que saia da ría de Pontevedra».

Unha axenda «petada»

O BNG encomendouse en Rianxo a Castelao, definido polo rexedor local, Adolfo Muíños, coma «o noso principio e o noso fin», para cumprir e facer cumprir esa axenda galega, una axenda «petada», como dixo o alcalde, «despois de anos de silencio de deputados que exerceron de procesión dos caladiños». A Néstor Rego, ao que se dirixiu como un seguidor da estela de Castelao, pediulle que loite para que en Madrid entendan a existencia en Galicia dunha realidade económica diferente: «Non pedimos subvención, senón que nos deixen traballar, que nos deixen pescar».

Tamén falou Muíños da necesidade de pelexar para corrixir o desfase que existe entre os fondos que perciben os concellos: «Os galegos reciben 50 euros por habitante menos que os concellos do resto do estado». E avogou por deixar que Castelao siga exercendo de guía, para tomar como exemplo del «o compromiso ético, o servizo ao pobo e a defensa do noso idioma».

O acto incluíu unha ofrenda floral no busto de Castelao situado no paseo da Ribeira.

Adolfo Muíños pídelle á Xunta que abandeire o proceso para recuperar a vivenda do escritor

Os actos que onte se levaron a cabo en Rianxo para renderlle homenaxe a Castelao comezaron cunha ruta por recunchos da vila vinculados ao escritor, na que exerceu de guía o propio alcalde, Adolfo Muíños. Despois de percorrer A Praciña, o edificio no que o galeguista residiu coas súas irmás ou o monumento A Manuela, o grupo chegou á rúa de Abaixo: «Un espazo que é o tótem da literatura galega», como dixo o rexedor, pois nun tramo de cen metros están as casas de Dieste, Manuel Antonio e Castelao. Muíños aproveitou para poñer enriba da mesa unha xa vella reivindicación: «A Xunta debería abandeirar o proceso de recuperación da vivenda de Castelao».

Houbo tamén unha parada no restaurante Feliciano, o primeiro lugar da vila no que soou Ondiñas da nosa ría, a canción que foi o xermolo da Rianxeira e que un coro lle dedicou a Castelao en Bos Aires.

O percorrido finalizou na praza Rafael Dieste, o terreo de xogo do escritor na nenez e onde se atopa ademais a biblioteca municipal que leva o seu nome, no señorial pazo do Martelo. Alí, da man dos Quinquilláns, os presentes gozaron dunha pequena representación teatral sobre a emigración.