Caetano Horta: O noiés que boga cara o cume do remo olímpico

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Tras acadar un quinto posto no mundial de Tokio, ao mozo só lle vale mellorar resultados esta tempada

12 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Á súa corta idade, Caetano Horta Pombo (A Barquiña, 2003) xa se consolidou como un dos mellores remeiros olímpicos da súa categoría a nivel nacional. O noiés tamén inscribiu o seu nome entre a elite internacional, demostrando potencial no europeo e logo traéndose a Galicia dende Tokio un quinto posto mundial. Pero este só é o comezo dun remeiro que xa simboliza algo máis que unha promesa.

Horta representa unha das mellores apostas do país para este deporte de cara o futuro. Mais non un futuro tan afastado como poidan pensar, pois o mozo márcase como gran reto desta tempada mellorar os resultados acadados no 2019. Eses obxectivos pasan inevitablemente por volver a conseguir praza para arrasar no europeo de Eslovenia e no mundial de Serbia deste ano.

Pero moi poucos acertarían a afirmar que, para alguén capaz de lograr velocidades tan elevadas entre as ondas do mar sen máis axuda que os seus músculos, o primeiro deporte que o fixo voar practícase sobre terra e asfalto. O certo é que, con só tres anos, Caetano Horta xa estaba subido á minimoto que lle regalara seu pai. E cando cumpriu os 6, o pequeno facía ruxir a súa Honda no circuíto autonómico no que competiu ata os 10.

Motor e músculo

Non lle ía nada mal no mundo do motocrós, onde levantou a Copa Galicia un ano e ao seguinte foi subcampión. Tamén alcanzou un cuarto posto en pista e disputou relevantes probas en Cataluña ou Valencia. «Ao comezo, co remo quería coller fondo e resistencia para mellorar sobre a moto», lembrou Horta, quen sempre mantivera un gran vínculo co remo olímpico a través de seu tío, unha peza fundamental do éxito do Club do Mar Noia, co que as horas pasaban voando mentres adestraba. De feito, o noiés compaxinou as dúas disciplinas ao mesmo grao de rendemento ata os 12 anos, despois de que o ano anterior tivese lugar unha curiosa anécdota.

Durante unha carreira, Caetano sufrira unha caída da moto que o levou a romper a clavícula, con tan mala sorte que a vindeira semana debía librar o campionato galego de remo olímpico. A pesar da súa ausencia na cita autonómica, o seu compañeiro Gabriel Bello lograra praza para o club no nacional que se disputaba en Bañolas. Sen posibilidade de estar nas quinielas de ninguén, Horta sorprendía a todos colgándose o bronce en skiff.

«Foi unha motivación para min, a seguinte tempada ía ser infantil de primeiro ano, o pequeno da categoría e fixeime adestrar ben e subir a intensidade», explicou o remeiro, que ese curso certificou que non había casualidade posible cun cuarto posto nacional. No seu segundo ano de infantil, a falta de dous meses para o nacional, Horta batía ao campión de España por aquel entón na Copa Primavera de Asturias. Contra toda aposta, ese ano o noiés non conseguiu o ouro en skiff, tomou unha decisión que guiaría os seus pasos neste deporte ata a actualidade. Tras unha alianza co subcampión galego, ese verán conquistaron o primeiro posto en doble skull. En setembro, Caetano xa estaba dentro do prestixioso Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, onde continúa formándose actualmente.

En constante ascenso

Aquel mozo que estudara no Alexandre Rodríguez Cadarso e no instituto Virxe do Mar, non tardou en presentarse como un dos mellores activos do centro pontevedrés. Ese mesmo ano, gañou todas as regatas nacionais ás que se presentou, incluídos os nacionais de remoergómetro e skiff, e tamén foi segundo na súa primeira experiencia internacional de peso en Alemaña. No aberto de primavera de Bañolas, incluso competiu unha categoría por riba da súa para ter opcións de entrar na selección española. Unha vez máis, cumpriu todos os retos e en abril estaba concentrado co combinado.

O europeo de marzo que librou en Essen xunto a Koxme Burutarán, simbolizou o primeiro bache da súa traxectoria deportiva, cando se quedaron ás portas da final A e foron sextos na B: «Foi un golpe duro, pero tamén un punto de inflexión para traballar máis». Horta cumpriu e volveu a arrasar no nacional, con dous meses por diante para preparar o mundial de Tokio. Alí, o dúo deu un golpe na mesa facendo historia co quinto posto.

Logo viñeron os recoñecementos, a recepción no aeroporto de Vigo e a homenaxe no Concello de Noia, pero nada disto mudou a mentalidade dun remeiro que só pensa no campionato de España do vindeiro mes, o europeo, o mundial e quizais algún día, ese cume que representa París 2020.