Aguiño enxalza ao artista Manuel Ayaso

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. BLANCO RIBEIRA

BARBANZA

MARCOS CREO

A asociación Lorenzo Mariño dedicaralle ao pintor o arranque das súas xornadas, que inclúen tamén teatro e un concerto infantil

12 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis, e van xa 15, os veciños de Aguiño lembrarán ao cura Francisco Lorenzo Mariño con diversas actividades culturais. Pero nesta ocasión, a homenaxe estenderase ao artista Manuel Ayaso, ao que se lle dedicará a primeira xornada dun programa que se completa con teatro, un concerto infantil e a tradicional ofrenda no cemiterio de Porto do Son.

Manuel Ayaso será o eixo do encontro fixado para o vindeiro venres, ás 20.30 horas, no conservatorio da localidade. Arrancará cunha conferencia a cargo de Manuel Cartea, presidente de Barbantia, que ofrecerá unha viaxe pola traxectoria do artista. De seguido proxectarase unha curta sobre a vida e a obra do pintor, que foi elaborada por Xoán Pastor Rodríguez, quen afondará na carreira do pintor aguiñense.

A música das pandereteiras As Sete Linguas pechará esta xornada cultural, na que están previstas tamén as intervencións do rexedor ribeirense, Manuel Ruiz, e da presidenta da asociación de Aguiño, Elvira Pisos.

Ofrenda floral no Son

O cura ao que se lle dedican as xornadas, falecido no 2004, cobrará relevancia o 18 de xaneiro, día para o que foi programada a ofrenda floral no cemiterio de Porto do Son, onde descansan os seus restos. A homenaxe, fixada para as 17.00 horas, incluirá a lectura dun manifesto, así como a actuación dun grupo de gaiteiros. Logo, na igrexa do Carme de Aguiño, oficiarase unha misa.

A parte máis lúdica da homenaxe chegará da man do grupo de teatro Disfunción Continua, procedente da Estrada, que ás 20.30 horas subirá ás táboas do conservatorio para poñer en escena Dúas portas e un segredo, unha comedia dirixida por Josue García.

O peche desta semana cultural de Aguiño terá lugar o domingo e consistirá nun concerto dedicado ao público infantil. Pakolas interpretará unha escolla de temas, combinando melodías e narracións con mensaxe.