Quen era Bríxida Quintáns? A noiesa que librou do pelotón de fusilamento

Sufriu a represión e logo caeu no esquecemento. Agora vanlle dedicar os xardíns de San Lázaro


Noia / La Voz

Cando se fala da represión, acostuma recordarse a figura de persoas con significación política, que militaron na loita obreira, que se situaron no bando dos perdedores durante a Guerra Civil ou que deron a vida polos seus ideais. De quen non adoita falarse é da xente de a pé, das persoas que foron igualmente perseguidas sen ningún motivo aparente. Foi o caso da noiesa Bríxida Quintáns, unha muller forte e pobre que librou do pelotón de fusilamento nun par de ocasións e que, pese a que o Concello acordou darlle o seu nome aos xardíns de San Lázaro, segue a ser unha gran descoñecida para a maioría dos seus veciños.

A historia de Bríxida é a de moitas outras mulleres esquecidas, que só seguen vivas na memoria duns poucos. No seu caso, houbo quen tivo interese en recuperar o seu relato, como Manuel Barreiro, que aos seus 72 anos ten un recordo vago da señora Bríxida Quintáns: «Meu pai estaba nunha ferraxería e ela ía por alí arranxar a ferramenta. Traballaba picando morrillo na mina de San Fins». O seu delito foi afiliarse á CNT, como a maioría dos mineiros, unha decisión que moi probablemente non tivo unha motivación política: «Andaba de pica pedreira e era unha persoa sen unha gran preparación».

A pesar diso, viviu menosprezada. Botárona da mina e tivo que buscarse a vida para sacar adiante aos fillos -era nai solteira- picando pedra nas estradas que comezaron a construírse na época da posguerra, como a que vai dende A Rasa ata A Barquiña: «Dábanlle esmola porque pasaba moita fame».

Muller de carácter

Naquela época había unha gran demanda, tanto de volframio como de pedra para as estradas, co cal existía unha elevada necesidade de man de obra, o cal lle permitiu a Bríxida Quintáns, e a moitas outras, levar a cabo, unhas tarefas que, a priori, parecían reservadas para os homes. Desa etapa quedan apenas relatos orais que a recordan como unha muller forte e con carácter. Din dela que mandaba máis que calquera home, e rendía o mesmo ou máis a pesar da dureza do traballo.

«Tiña as mans todas machucadas de tantos golpes, todos os dedos da esquerda tíñaos vendados con trapos», recorda Manuel Barreiro. A pesar de traballar duro, viviu nunha pobreza extrema, unha situación á que axudou o feito de ser considerada de esquerdas e roxa e estar mal vista entre a xente de ben. Isto, unido ás ansias de vinganza dalgúns falanxistas, levouna a estar moi preto da morte en máis dunha ocasión.

De feito, por dúas veces chegaron a subir á noiesa Bríxida Quintáns nun camión con outros represaliados que tiña por destino o cemiterio de Boisaca para ser fusilada.

Intercesión salvadora

«Quixeron cebarse nela porque non tiñan contra quen», conta Barreiro, que recorda a inxustiza cometida con Bríxida Quintáns. Tivo a sorte de que no momento clave contou coa intercesión dun veciño de Noia, falanxista recoñecido, que conseguiu evitar que a fusilaran consciente de que ela era unha muller inocente.

Salvou a vida, pero sempre estivo sinalada e morreu na miseria máis absoluta e esquecida: «Se fose unha persoa importante ou revolucionaria, a súa vida estaría documentada, pero non hai dela nada máis que relatos orais».

Con todo, houbo intentos por poñer en valor a figura de Bríxida Quintáns. A principios dos anos 90, fundouse en Noia unha asociación de mulleres que levaba o seu nome e que mesmo se involucrou nun proxecto para poñer en marcha unha casa de acollida para mulleres maltratadas. Porén, co paso do tempo o colectivo cesou a súa actividade e apenas se volveu falar desta muller inxustamente represaliada ata que o grupo municipal da Marea Cidadá propuxo o pasado ano que se lle dedicara unha rúa.

Finalmente, serán os xardíns situados da carón da capela de San Lázaro os que renderán homenaxe e recordarán a Bríxida.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Quen era Bríxida Quintáns? A noiesa que librou do pelotón de fusilamento