Manuel Fontenlos: «Eu púxenlle a Ana Peleteiro a súa primeira medalla de campioa»

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

O noiés leva trinta anos organizando o deporte escolar na zona que vai dende a Costa da Morte a Barbanza

10 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Domingo Manuel Fontenlos (Noia, 1959) é a persoa que se esconde, xunto aos seus compañeiros da agrupación deportiva As Rías, na organización das múltiples competicións de deporte escolar que se celebran dende a Costa da Morte ata Barbanza. Só o pasado ano contaron con 11.400 participantes, colocándose entre as rexións máis activas de Galicia. O barbancés destaca o esforzo de colaboradores, profesores, técnicos deportivos e a Secretaría Xeral para o Deporte. Sen eles, confesa, sería imposible dar vida a esta etapa de iniciación deportiva.

-Cando comezou no mundo do deporte escolar?

-Pois fai xa 30 anos. Déixame recordar. Empecei co deporte escolar no 1990. Teño xa 60, e no deporte levarei uns 40. Antes estiven moi ligado ao Club Atletismo Noia, como adestrador, deportista e membro fundador. Viron o traballo que se estaba facendo e chamáronme da Secretaría Xeral para o Deporte, para saber si me interesaba levar o deporte escolar na zona de Noia, que inclúe 32 concellos, que van dende Laxe hasta Ribeira, pasando por Padrón e as zonas rurais.

-Que disciplinas inclúe?

-Atletismo, campo a través, tenis, xadrez, fútbol sala, baloncesto, voleibol... Este ano empezamos tamén co piragüismo. En total contamos cunhas 15 modalidades diferentes. Somos unha familia moi grande. Os centros escolares son fundamentais, así como os clubs, as agrupacións e os profesores. En As Rías somos tres persoas este ano. Tivemos que incorporar a unha, polo volume de traballo e participación que temos. Non é nada sinxelo poñer todo en marcha.

-Xa me imaxino.

-Resulta que a zona de Noia é a que máis participación ten de toda Galicia, sobre uns 11.400 rapaces, que forman parte dunhas 170 entidades entre centros escolares, clubs, asociacións deportivos e incluso Anpas...

-E cal é o seu papel?

-O que facemos é organizar as competicións e facer un seguimento delas durante todo o ano. Hai que poñerlle transporte aos rapaces para que poidan acudir ás probas. A Secretaría Xeral para o Deporte está moi involucrada nas zonas rurais, como pode ser a nosa na que o núcleo máis grande é Ribeira. Todos teñen que poder competir, por iso temos que desprazar aos rapaces. Movemos arredor duns 500 autobuses cada ano, pero igual facemos uns 30.000 desprazamentos por curso. A nivel provincial ou galego tamén temos campionatos autonómicos que organizamos algún nos nosos municipios, segundo se decida.

-E cal é o obxectivo do deporte escolar, a filosofía de traballo que teñen?

-Queremos que o deporte escolar chegue ao lugar máis recóndito de Galicia. Tamén que os rapaces teñan unha iniciación ao deporte, que logo poida levalos á competición cun club, sen lles interesa. Date conta, Ana Peleteiro saíu do deporte escolar, e mira agora, que vai ser olímpica. Tariku Novales ou José Ángel Antelo tamén comezaron con nós. Os clubs non chegan a tódolos colexios, pero nas nosas competición poden ver a que rapaces poden fichar, cales lles gustan. Tamén queremos que haxa unha diversidade de modalidades e unha convivencia entre os rapaces. Por poñer un exemplo, cun colexio de Laxe que vai a Ribeira a competir. É un intercambio, unha maneira de coñecer lugares e persoas.

-E os apoios? Son suficientes?

-O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, está moi involucrado. Ten unha gran conciencia do deporte escolar. Para el é fundamental, incrementou o presuposto e permitiunos meter novas actividades. Parece que a crise queda atrás, pero fai falla xente que queira apostar como o fixeron.

-Como o funciona o das competicións? Como levan o calendario?

-Adoitamos a facelas en horario lectivo. A principios de tempada convocamos varias reunións, en Barbanza, na Costa da Morte e mostrámoslles aos colexios o programa. Este ano temos dúas novidades, os barcos dragóns e os xogos populares. En horario lectivo temos tamén o multideporte, como poden ser fútbol sala, voleibol, baloncesto... Cada colexio marca as súas regras. Están todos asegurados a través de Xogade e facilitámoslle o transporte.

-Os rapaces deben estar entusiasmados. Saír da escola para ir facer deporte ten que resultarlles moi atractivo.

-Antes saían para moitas cousas, pero nunca para facer deporte. Sempre reclamamos máis horas de educación física e esta é unha maneira de encamiñalos, de que se inicien no deporte. Tamén temos competicións en fin de semana, pero máis dirixidas para os propios clubs.

-E que categorías abarcan?

-Dende benxamín a cadete, rapaces de entre 6 e 16 anos.

-A que achaca o éxito?

-Á organización, pero sobre todo aos profesores, clubs, adestradores, técnicos municipais... Somos a zona con máis tecido participativo. Temos tamén unha base fundamental, que son os concellos da zona, grandes colaboradores á hora de ofrecer as instalacións totalmente gratuítas.

-Volvamos un chisco atrás, á anécdota de Ana Peleteiro.

-Sempre o digo [ri], pero eu púxenlle a Ana Peleteiro a súa primeira medalla de campioa. Ela tiña 7 anos, fora nunha proba de campo a través que organizaramos en Ribeira e que ela gañara. Recórdoa porque estaba chorando e non quería subir ao podio, daquela tiña moita vergoña.