Innovacións

BARBANZA

09 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días nos que os Reis Magos andaron de cabalgatas, lembrei dúas escenas de infancia, de cando eu tamén acudía ás cabalgatas coa va esperanza de forrarme a caramelos. Nunca entendín esa tradición de alentar gratuitamente a miseria humana, facendo que nos mataramos entre nós por saquear caramelos tirados por monarcas nas beirarrúas lamacentas. Como diría o outro: «Xa sabemos como somos. Para que insistir?».

A primeira estampa foi a primeira vez (e case a última) na que me posuíu a violencia. No medio da turba enfurecida que axitaba os brazos diante da carroza de Melchor -non para recibir a beizón dun imán de Oriente Medio, senón para capturar un toffe ou un Sugus de laranxa-, un mangallón entolecido empurroume para sacarme do combate. Pero cando el se abaixou a repañar larpeiradas do chan vingueime baténdolle un puñazo nas costas que non sei se o deixou teso, pero que a min me sentou de marabilla. Iso si, con espírito de Nadal.

Na segunda estampa debeu nacer o meu interese pola tecnoloxía. No medio dos cativos implorantes apareceu un vello cun paraugas. O señor abriuno e puxo as baleas do revés, coma nunha parabólica. Con tan enxeñoso dispositivo, foi apañando as existencias azucradas botadas ao aire por Melchor, Gaspar, Baltasar, o can Goofy, os vinte paxes pintados de betume e ata da casa do alcalde Segundo Durán.

Os nenos mirabamos para el con sorpresa e o vello non quitaba ese sorriso triunfador da boca. «O futuro -pensei- está en non esquecer nunca o paraugas».