As cantantes máis retranqueiras

Seis mulleres integran a formación e atribúen o seu éxito ao poder das redes sociais


outes / corresponsal

Alá por onde pasan non deixan a ninguén indiferente. As compoñentes de A Tajea aseguran bos momentos, bailes e sobre todo moitas risas. O éxito do grupo reside nunha proposta musical que ten a súa base nos ritmos tradicionais e na música popular, pero principalmente as ocorrentes letras que compoñen fan as ledicias do público. Mónica Sánchez defíneas como «historias con retranca». Porque si, retranca non lles falta nin se amedrentan con melodías doutras latitudes, coma os narcocorridos, tal e como di Marta Ribeiro, unha das integrantes orixinais.

A universalidade das situacións narradas fai que as persoas que as escoitan busquen instintivamente a fonte de inspiración, pero todas elas afirman que nunca falan directamente de ninguén e que, como comenta Cristina, «con determinados temas sempre explicamos que calquera parecido coa realidade é pura coincidencia».

Begoña Castro, Marga Cereijo e Cristina Antelo constitúen o bloque melódico da formación tocando gaita, frautín, zanfona, clarinete, acordeón e viola. Os ritmos corren a cargo de Mónica Sánchez, coa pandeireta, cunchas e tarabela; Marta Ribeiro, ao caixón, tambor e bongós; e Saray Alvite, unha auténtica multipercusionista que non lle ten medo a ningún instrumento que pasa polas súas mans.

A semente da formación, A Tajea primixenia, remóntase ao ano 2016, na que Castro e Ribeiro xuntaron a amigos e familiares para participar nos cantos de taberna organizados polo Festival do Sancosmeiro de Noia, proclamándose campións «cun éxito tremendo», aínda que nese momento non pensaron seguir co proxecto. Non sería ata dous anos máis tarde cando o grupo actual tomou forma de cara aos concertos organizados polo Concello de Outes con motivo das festas patronais. «Estabamos todas xuntas na Escola de Música Tradicional e fomos quedando para ensaiar un par de veces á semana», comenta Castro.

Como explica Cristina Antelo, tódalas compoñentes contan cunha ampla formación musical dende hai anos: «Vimos de distintos ámbitos como a banda, o conservatorio, corais... aínda que o noso nexo común é a Escola de Música Tradicional». Isto non significa que non sigan formándose, tal e como di Antelo, que comenta que acoden a Suso Vaamonde sempre que teñen dúbidas.

Traballo en equipo

A composición das letras, froito do talento e a imaxinación desbordante de Cristina, parte das ideas de tódalas integrantes, e as propostas sempre se poñen en común para achegar e suxerir entre todas. No que respecta á parte musical, cada unha delas propón os seus propios arranxos dos temas. As temáticas que tratan, cun éxito incuestionable, baséanse na idiosincrasia do rural galego e das súas xentes, pero tampouco se limitan a iso. A dieta imposible dos galegos ou a variedade de xente que acode ás camiñadas son situacións que inspiran ás seis compoñentes. «Temos moito de onde tirar», comenta Marga. Temas como Quérote máis, Maldito michelín ou Poñendo patacas pra Mighel falan sen pelos na lingua de situacións coas que calquera persoa puido sentirse identificada nalgún momento das súas vidas.

Curiosamente, o éxito do grupo non reside exclusivamente no boca a boca, algo co que as propias intérpretes aseguran estar moi sorprendidas. «O noso tirón foron, sen dúbida, os vídeos de YouTube», apunta Begoña, unha apreciación compartida por todas. Na era dixital, as redes sociais xogaron un papel fundamental no éxito do grupo, chegando a ter vídeos con case 145.000 reproducións que chegaron a lugares afastados do seu centro de operacións, como Ares, Combarro, Vilalba ou Cotobade. Tal foi a repercusión mediática que foron entrevistadas no programa Sempre en Galicia, de Radio Cornellà, e pasaron polo Luar, sendo o único grupo que interpretou a súa música en rigoroso directo.

En canto aos proxectos para este 2020, teñen prevista a gravación dun disco cos seus éxitos e algún tema inédito. «Máis que nada, a xente maior é a que nolo pide», apunta Begoña. Non descartan, así mesmo, a gravación dun vídeo, e tamén ofrecerán algún concerto a petición dos seguidores. O que está claro é que estas seis veciñas de Outes, que arrastran un gran número de fans de tódalas procedencias, viñeron para quedar e para poñer unha boa dose de humor e festa nas nosas vidas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

As cantantes máis retranqueiras