Antón Riveiro Coello: «Interésanme os temas que fan pensar, aínda que supoña un proceso doloroso»

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O escritor de Xinzo gañou recentemente o Torrente Ballester, que suma a unha longa lista de premios literarios

05 ene 2020 . Actualizado a las 13:27 h.

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos escritores galegos máis recoñecidos e de maior éxito na actualidade. O autor, afincado en Barbanza, acaba de gañar o Premio de Narrativa Torrente Ballester, que concede a Deputación da Coruña, coa súa obra O paraíso dos inocentes.

-O seu nome uniuse recentemente á lista de premiados co Torrente Ballester, que supón acadar este galardón?

-É unha alegría. Xa fai 20 anos que non me presentaba a un certame deste tipo, aínda que me deron máis premios sobre obras publicadas. Do Torrente Ballester xa fora finalista e non gañara por un só voto. Naquel momento foi importante para min, porque estaba comezando a miña carreira e tiven a todas as editoriais detrás. Nesta ocasión decidín probar e estou contento.

-De «O paraíso dos inocentes», o xurado destacou que está apegada a realidade social. En que baseou a novela?

-O libro naceu en marzo do 2016, cando fun a Bruxelas a visitar á miña filla pequena. Catro horas despois de estar no aeroporto produciuse o atentado terrorista. Fíxome reflexionar e impresionoume moito a consternación que se vivía na cidade. Emparello esa historia coa guerra de Siria, concretamente na cidade de Alepo, que estaba dividida en dúas. Por un lado o bando do réxime e por outro, o rebelde. Contactei cun refuxiado que chegou a Europa e contoume a súa historia, que era terrible. Un home que traballaba como químico e cando lle chegou a notificación para participar na guerra decidiu fuxir. E tamén expoño a visión dunha xornalista que informa do conflito desde dentro. As historias acaban confluíndo, e trato de expresar como a guerra causa nas persoas uns efectos devastadores.

-Coñecer de primeira man a historia dun refuxiado será duro.

-É doloroso. Hoxe en día, a xente utiliza a ficción como vía de escape da realidade. Antes, as artes facían reflexionar sobre os problemas do ser humano. A min interésanme os temas que fan pensar, aínda que supoña un proceso doloroso. Non digo que quedase farto da guerra, pero si afectado porque hai persoas que o perderon todo.

-Como é o seu proceso creativo?

-Hai un punto de partida, como puideron ser os atentados en Bruxelas. Despois chega o momento de documentarse e ler moitos libros e pásase á parte máis interesante, cando te pos a traballar sobre o papel e atopas xente que conta a súa historia de primeira man. Logo tamén son importantes a imaxinación e a intuición para disfrazar o relato para chegar a outros puntos. Pártese dunha base real, e o que importa é que a historia sexa verosímil.

-Na súa xuventude foi guitarrista nun grupo de rock, iso está reflectido nos seus libros?

-En case todas as miñas novelas a música ten importancia, sempre hai alguén relacionado con ela. Creo que escribo porque non tiven a sorte de nacer nunha cidade con conservatorio. Eu tocaba de oído e xuntabámonos uns amigos para tocar. Dedícolle case tanto á musica como á escrita. Teño cancións compostas, aínda que o fago para min. Encántame tocar a guitarra e tense que notar esa vena creativa na miña obra.

-Vostede goza do recoñecemento dos seus compañeiros de profesión, iso é máis reconfortante que os propios premios?

-Os escritores non competimos entre nós, facémolo, en todo caso, contra nós mesmos. Pensar que hai persoas que se dedican ao mesmo que ti e que lles gusta o que escribes é satisfactorio. Escribimos para lectores, aos que non lles coñecemos o rostro, e non sabes o que opinan, por iso a valoración que fan os colegas ten un dobre valor.

«O que máis me impresionou de Barbanza foi a xente»

A pesar de ser natural de Xinzo da Limia, Antón Riveiro Coello é xa un barbancés máis. Instalado en Boiro, o escritor está moi implicado na vida da comarca, sobre todo no eido cultural.

-Agora xa é un veciño máis, pero que lle namorou desta comarca cando chegou a ela?

-O que máis me impresionou de Barbanza foi a xente, o seu carácter. Igual no interior de Galicia somos máis introvertidos, pero aquí a xente vive na rúa. Incluso en decembro as terrazas están cheas e parecíame extraordinario. Tamén que os veciños da comarca van de fronte e son sinceros. Agora é o que máis valoro. E despois, por suposto, a paisaxe. Por sorte Barbanza aínda non está moi explotada e ten paraxes naturais fantásticos.

-Como ve aquí a produción cultural na actualidade?

-Esta comarca ten a capacidade dunha cidade de 120.000 habitantes, xa que as distancias entre localidades non son moi longas. Decateime da cantidade de xente creativa que hai e non tiña contacto. Barbantia serviu para poñelos en contacto e para poñer en común proxectos. Hai moitas persoas publicando e outras moitas que están aí. Aquí vive moita xente con talento e ganas de escribir e hai que buscarlle un sitio a todo o mundo. Barbanza é unha potencia artística, algo que non ocorre noutros lugares. Ademais, podemos exportar porque temos de todo. É unha zona por descubrir para o resto de Galicia.

-E como dixo, para axudar nese labor de difusión e posta en valor da cultura está Barbantia.

-Este colectivo é un bo exemplo de que a sociedade civil pode organizarse para ofrecer cousas que, ás veces, os concellos ou outras asociacións non ofrecen. O asociacionismo é unha plataforma para os escritores, para fomentar que continúen escribindo ou para mover as obras. É unha correa de transmisión entre nós. Cando naceu era raro ver presentacións de libros na comarca e agora hai fins de semana nas que se celebran cinco ou seis.

-Aínda que xa é un barbancés máis, non se esquece das súas raíces. Como senta que en Xinzo o nomeasen fillo predilecto?

-É unha honra, a pesar de que me dá algo de vergoña estar, por exemplo, bailando detrás das charangas no entroido e ver a placa que indica a casa na que nacín. Faime ilusión, por suposto. Ademais, creo que só a condesa de Fenosa e máis eu somos fillos predilectos de dous concellos, xa que tamén me deron esa distinción en Baltar, de onde eran meus avós.