Alzo a voz e falo

Olegario Sampedro CAIXA DE CORREO

BARBANZA

28 dic 2019 . Actualizado a las 11:35 h.

Relixión, política e sexo é o clásico triunvirato argumental vetado nas reunións familiares. Non obstante, en ocasións, saltar este impedimento non só é un oportuno exercicio, senón tamén un obrigado precepto. 175 son as novas e acreditadas vítimas a engadir á dolosa cifra de nenos que padeceron abusos sexuais acometidos por irredentos pederastas que se ampararon na inexplicable inmunidade que lles confería un hábito relixioso do que non eran, nin son, dignos.

É evidente que o célebre aforismo de Juvenal de hai case dous milenios, Máximo respecto débeselle ao neno, foi proclamado en balde se esta inhumana degradación se tolera sen que todos, sen excepción, aliñemos, de forma unívoca e inequívoca, a nosa voz para denuncialo.

Como non alzar a palabra ante os húmidos alentos que profanan calugas novas? Como non berrar ante depredadores que obrigan a mans indefensas a fondear en erectas xeografías? Como non ruxir diante de seres que non expresan ningún remordemento en mesturar noxentas babas con inocentes bágoas? Como non rebelarse perante desalmados que transforman a propia culpa nun pecado da vítima? Como non clamar cando dexenerada carne fofa se excita co roce na pureza?

A afonía é a arma do cómplice. O silencio, a gravosa peaxe da vítima.

Por ambas razóns, eu alzo a voz e falo. Olegario Sampedro. Ribeira