Cartografía do abandono

O urbanismo descontrolado causa un deterioro progresivo da paisaxe


Nas últimas décadas asistimos a un deterioro progresivo e por veces alarmante da paisaxe das rías, nas que un crecemento urbanístico descontrolado foi causa fundamental. Esa urbanización sen sentido provocou, en moitos casos, a perda de identidade territorial. A preocupación chegou a traspasar os foros especializados ata converterse nunha demanda social. Porén, esa resposta centrouse case exclusivamente nas entidades urbanas, esquecendo, pola contra, outras realidades presentes no territorio.

Así, se algo mudou radicalmente nas nosas paisaxes, sen apenas contestación, foi o tapiz vexetal que cobre as formas topográficas. Un monocultivo de pinos e eucaliptos asolágao todo. Hoxe, escasos e reducidos illotes en especies de folla caediza dispersos sobreviven ao monte. Pero, simultaneamente, a esa falsa promesa de futuro en forma de árbores de crecemento rápido, a xeografía do abandono toma forma no espazo rural nunha progresiva perda do terreo agrícola arredor dos decadentes núcleos habitados.

A obriga imposta pola Administración aos veciños de manteren limpa unha franxa de protección das aldeas, non é máis que a constatación do abandono. O que antes eran hortas -algunhas incluso con nome propio- onde se plantaba para o autoconsumo familiar, hoxe é unha mesta vexetación arbustiva que reconquista un espazo antes seu.

Silandeiro drama

O contador demográfico sinala friamente o silandeiro drama: os núcleos deshabitados son cada vez máis numerosos. Perda continua e imparable de persoas. Mozos e mozas foxen ás cidades na procura dunha perspectiva de vida que o rural non lles ofrece. Os que resisten aínda son as xeracións máis vellas.

Pero hai outros aspectos máis visibles que falan desa xeografía do abandono. As aldeas sen fume manifestan a ausencia de xente, que se traduce na presenza dunha arquitectura en ruínas: casas, alpendres, muros, hórreos, fontes, lavadoiros, muíños... esas construcións populares froito no tempo dunha relación do ser humano co espazo, que é o habitar.

Igualmente, os camiños antigos que comunicaban a aldea co seu contorno (sendeiros, carreiros, corredoiras, congostras, vereas, calzadas,..), atópanse intransitables, comestos pola vexetación.

Sucumbir ao baleiro

Ao mesmo tempo, as paisaxes sensoriais non visuais, as xeografías inducidas polo gusto, o tacto e o olfacto, sucumben tamén ao baleiro, como poden ser exemplo aquelas especies froiteiras portadoras de recordos de fragrancias e sabores hoxe case esquecidos.

Subsistir na aldea hoxe é case unha heroicidade. A carencia de servizos é case absoluta. Só a teimosía dos veciños fai que a auga ou os camiños sexan utilizables.

Á parte das explotacións gandeiras, só o agricultor simbiótico é capaz de resistir, e iso a base de combinar diferentes modalidades de ingresos na unidade familiar (pensións, traballo na vila e traballo acotío no campo). Constitúen os derradeiros resilientes. Cando eles desaparezan, a aldea poderá estar aí, pero será xa outra cousa.

E mentres todo isto acontece, o poder político paga nos medios a propaganda dun rural idílico sen impostos, e os novos señores do aire conquistan unhas terras de saldo. Isto causa nas persoas desorientación, desacougo, a sensación de que aquí hai algo que non funciona.

Impotencia, silencio e, coma sempre dende hai séculos, o abandono migratorio é a resposta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Cartografía do abandono