Xoán Fernández: «Co paso do tempo avanzas e faste máis sutil. Concéntraste no esencial»

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O artista ribeirense será recoñecido o sábado co Sereo que entrega a asociación Barbantia

12 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Desde moi neno debuxaba moito», asegura o pintor Xoán Fernández (Ribeira, 1938). Aínda o segue a facer, e tamén continúa recibindo recoñecementos polo seu traballo. O último, o Sereo 2019, que concede a Asociación Cultural Barbantia para premiar a traxectoria cultural dun persoeiro na comarca: «Foi algo totalmente inesperado. Síntome moi honrado, e máis neste ano, coincidindo coa Pousada e con Ana Romaní». Como el mesmo di, comezou expoñendo as súas obras nas caixas de aforro, xa que «eran dos poucos sitios que facilitaban que mostraras. Despois estas foron desaparecendo, pero eu seguín».

Fernández é un referente cultural na comarca, pero o seu traballo traspasou fronteiras. Tivo que emigrar e viviu en países como Alemaña, Holanda, Bélxica e Luxemburgo. En todos eles puido mostrar ao público os seus cadros: «Ao pouco de chegar a Alemaña expuxen debuxos nunha vila próxima a Frankfurt, e ata estiveron a prensa e a televisión». Cando regresou a España non parou, e cos seus traballos percorreu as cidades máis importantes do país, sen esquecerse nunca da súa terra. Hai dous anos fixo una retrospectiva da súa obra que puido verse no centro cultural Lustres Rivas de Ribeira.

Pechando un círculo

O pintor de Palmeira explica que «cando era novo a miña tendencia era tirar polo abstracto, tiña unha ansia vangardista». Pero o seu paso polos Países Baixos fixo que cambiara o seu punto de vista e a súa forma de ver a pintura. Alí coñeceu a obra de Johannes Vermeer e a pintura holandesa do século XVII. Iso foi cando tiña 45 anos e provocou que mudara a un estilo figurativo.

Agora, xa superados os 80, Fernández pecha o círculo, aínda que con matices: «Por mor da miña enfermidade volvín á abstracción. Aínda así, continúo pintando figurativo. Non renuncio a nada», afirma o artista. Malia isto, recoñece que coa súa idade «non teño o ritmo que tiña cando era novo, pero sigo pintando porque é a miña paixón, igual que cando tiña 20 anos, aínda que a execución non sexa tan efervescente».

Pero o paso do tempo tamén ten a súa parte positiva: «Avanzas e faste máis sutil. Prescindes de moita palla e concéntraste no esencial. Iso, efectivamente, lógrase co tempo», explica Xoán Fernández.

Recordo a García Bayón

Conversando co pintor barbancés sobre a relevancia do premio concedido por Barbantia, o artista lémbrase de Carlos García Bayón: «Foi unha figura moi importante para min, porque me apoiou constantemente. Con este recoñecemento acórdome del, de cando me chamaba para ilustrar os seus artigos». Fernández incluso recorda como estando en Holanda recibía cartas de Bayón «que contiñan os textos das publicacións para que lle fixera as ilustracións».

O sábado, Xoán Fernández vivirá un momento moi especial no acto de entrega dos Sereos, que este ano vai ter lugar na Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro. «Síntome moi orgulloso de recibir este premio, e estou moi contento de que mo concedan antes de morrer», comenta. Fernández destaca o labor cultural que desempeña Barbantia na comarca, un colectivo do que o pintor ribeirense foi un dos primeiros socios: «Puxen o meu gran de area».

Este recoñecemento súmase a outros tantos que o barbancés tivo durante a súa vida. O último foi a comezos de ano, cando na súa Ribeira natal puxeron o seu nome á praza que está situada a carón da rotonda que enlaza a avenida da Coruña co paseo das Carolinas.

«Recoñeco que foi algo totalmente inesperado. Síntome moi honrado por recibir este premio»