Polbo salvaxe

O cefalópodo comparte moitas circunstancias cos humanos


Tiña fame e a pitanza amosábase apetecible. Primeiro papei un raxo, logo outro. Cando ía encetar o terceiro, tras mollar un anaco de pan no aceite con pemento e envialo acompañado dun grolo de Barrantes, entráronme os remorsos. Tolo de min, non puiden evitar o pensamento de que compartía con aquela tallada provista de dúas fileiras de ventosas un antepasado común: un pequeno verme habitante dos océanos, cando aínda ningún organismo vivía en terra firme, hai uns 600 millóns de anos. O polbo e mais eu, malia que despois os nosos camiños evolutivos diverxesen, eramos familia.

Porén, a selección natural é sempre sorprendente: malia que por vieiros diferentes, converteunos a ambos en animais de cerebro grande e comportamento complexo. Fronte aos cen mil millóns de neuronas que posuímos os humanos, o polbo común -Octopus vulgaris- conta cuns cincocentos millóns, que lle outorgan, amais dunha capacidade sensorial fóra do común, un comportamento versátil e a capacidade de manipular obxectos ou adaptarse ás novidades. O que poderiamos chamar, sen demasiado temor a equivocarnos, o don da intelixencia.

Corren malos tempos, cantaría o defunto Germán Coppini, para as criaturas mariñas. Se puidesen falar, comunicarse por medio dalgún código que ambas as especies entendésemos, diríannos moitas cousas; a maioría, malia non querer escoitalas, xa as sabemos. A cobiza prima por enriba de calquera ética e, con cartos de por medio, os males do océano, amais de difíciles de ver, resultan doados de ignorar.

Posible cultivo

Mais nos últimos meses chegaron novas dende Vigo -tanto do Oceanográfico como dunha coñecida compañía dedicada á explotación dos recursos mariños- acerca do peche do ciclo biolóxico da especie e, polo tanto, do seu posible cultivo e posterior comercialización.

Non sei como afectará o logro á nosa pesca artesanal, cunha flota de naseiros que conta cunhas 800 embarcacións autorizadas e desembarcan unha media anual de 2.400 toneladas de polbo; aínda así, só a cuarta parte do que consumimos provén das nosas augas; o restante importámolo de fóra do país. O que si sei é que contribuirá a paliar a crecente escaseza de polbo salvaxe -non me mal entendan, fagan o favor- e a reducir a presión sobre os caladoiros e os seus problemas de sustentabilidade.

Gústame o polbo. Gozo del á feira nun banco corrido da polbeira e tamén en empanada -a máis saborosa, a que coce a miña nai-. Probeino en ceviche ao estilo peruano, con fabes en Luarca, e ao marmitako nunha taberna mariñeira de Bermeo. Comino en salpicón e ao allo, en ensalada e con arroz caldoso, ao pesto nunha vila de Sicilia, e tamén enlatado en escabeche. Non concibo a miña galeguidade sen unha ración de polbo á feira.

Mudar moitas cousas

Daquela, cando tras décadas de investigación, se anuncie o peche do ciclo de reprodución en acuicultura do noso parente e, nun nada de tempo, comece a súa explotación, o meu devezo culinario saciarase sen problema con carnaza de polbo-factoría. Ese día han mudar moitas cousas arredor da industria do polbo, o tempo diranos en que sentido. Confiemos en que, desta volta, o sapiens sapiens faga xustiza ao nome que se outorgou a si mesmo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Tags
Comentarios

Polbo salvaxe