«Deberiamos emocionarnos por cada peza ou resto que atopamos»

Forma parte do equipo que escaña a tumba do visir Amen-Hotep Huy


Toda persoa levamos dentro unha exploradora ou un detective, e temos soñado con descubrir algún que outro tesouro; e seguramente paseamos pola civilización exipcia da man de Sinuhé, nas páxinas de Naguib Mahfouz, ou de Christian Jacq. Lemos a historia de especialistas como Jacques Pirenne ou Ian Shaw, e gozamos das maxestosas obras de arte nas enciclopedias, na rede e en documentais que tentan descifrar os coñecementos matemáticos e a avanzada enxeñería que fixeron posible a construción das colosais pirámides. A nosa convidada de hoxe vive esa aventura in situ. Isolina Lorenzo está a realizar o seu soño: o de investigar e contribuír a un mellor coñecemento desa enigmática civilización que é a do Exipto faraónico.

?Que te levou a ser arqueóloga?

-A arqueoloxía e a historia chamáronme moito a atención desde pequena. Lembro a lectura dun artigo sobre Tutankamón e a súa tumba no XL Semanal con 8 ou 9 anos, e pensei que aquilo tiña que ser moi grande... que me gustaría ir alí velo. No instituto tamén tiven un profesor de historia que a explicaba moi ben, e a curiosidade levoume á facultade de Historia.

?Onde iniciaches as escavacións, e que atopaches que te emocionase?

-Nos castros de Neixón durante varias campañas, e logo na serra do Barbanza, con ese mesmo equipo do Centro Arqueolóxico de Neixón e da U.S.C. Logo, en toda escavación destruímos parte do que imos encontrando, polo que deberiamos emocionarnos por cada peza, resto ou estrutura atopada, que nos leva a unha época da historia que non vivimos e pode que sexamos os primeiros en tocar desde hai miles de anos. Gardo especial recordo dunha asa de xerra e dun aryballos fenicio (parte dun perfumario) nos castros de Neixón, así como de restos de cerámica e estruturas na serra do Barbanza.

?Cando che chegou a oportunidade de ires a Exipto?

-Despois de varias tempadas no Barbanza vin unha convocatoria nas redes sociais para unha campaña en Exipto. Mandei o CV, e dous días despois pasaba a entrevista, da que saía admitida. O traballo era en Luxor, no Val dos Nobres.

?Cal é o proxecto co que estás alá, actualmente?

-Empecei en Luxor hai catro anos co Instituto de Estudios del Antiguo Egipto (IEAE), no proxecto Visir Amen-Hotep Huy, no cal seguimos hoxe en día, sendo xa a deste ano a undécima campaña no mesmo. O IEAE é unha entidade madrileña, sen ánimo de lucro, avalada pola Universidade de Málaga, onde imparten a asignatura de Exiptoloxía dentro do Máster de Patrimonio Histórico e Literario da Antigüidade. Este proxecto céntrase na escavación da tumba inacabada deste visir situada na zona de Asasif, no Val dos Nobres, a carón do templo do faraón Hatsepsut. Escavamos tamén outras tumbas que se crearon ao redor da do mesmo visir en épocas posteriores, nas que atopamos moito material: enxoval funerario, momias, cerámicas, restos de pergamiños, deuses, colares, etc.

?Dime, cal é a importancia real desta escavación en concreto?

-O monumento no que traballa o equipo do IEAE, baixo a dirección do doutor Francisco Martín Valentín e da doctora Teresa Bedman, ten grande importancia arqueolóxica, artística e histórica por ser do mesmo período da tumba tebana número 192 de Jeruef Senaa, e pertence, coma esta, ao reinado de Amen-Hotep III (Imperio Novo, cara a 1360-1353 a. C) e, máis concretamente, ao lapso de tempo transcorrido entre os anos 28 e 36 de dito soberano, que constitúe un dos momentos máis axitados e interesantes do Imperio Novo Exipcio.

-Que che gustaría aínda encontrar?

-Achamos xa momias e restos de tecidos con xeroglíficos na tumba do visir. Esperamos acabar de reconstruír as columnas da tumba de Amen-Hotep Huy, onde se cita a co-rexencia entre o faraón Amen-Hotep III e o seu fillo, o faraón Amen-Hotep IV, que anos despois sería coñecido como Aj-en-aton, ou o faraón do único deus Atón. Unhas inscricións que atopamos no 2013, agora restauradas, dan un contexto histórico e unhas datas que cambian a cronoloxía do período. Tamén hai probas de ADN e outras evidencias, que nos permiten afirmar que o pai de Tutankamón non foi Aj-en-aton, senón Amen-Hotep III. Pero gustaríame que as escavacións nos achegaran máis datos sobre este turbulento período, con monumentos inacabados e destrucións pola acción dos adeptos da nova relixión atoniana, restos que máis tarde serían obxecto dunha nova destrución selectiva, en época dos reis da XIX dinastía. O período de cinco ou seis anos durante os que o faraón Amen-Hotep IV (Aj-en-Aton) tivo a súa residencia en Tebas, antes de trasladarse a Amarna para fundar a nova cidade, segue na máis completa escuridade.

Sir Howard Carter descubriu aquel día de novembro de 1922 a sepultura de Tutankamón (única tumba real que non fora expoliada), deixando ao mundo abraiado coa súa riqueza, e que aínda non era todo o tesouro. Aquilo non fixo máis que aumentar a paixón mundial pola arqueoloxía e, especialmente, pola exiptoloxía, que inda nos garda tantos misterios.

ILUSTRACIÓN ABRALDES

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Deberiamos emocionarnos por cada peza ou resto que atopamos»