«Dende que apareceu Carolina Marín fálase máis de bádminton»

laura martelo MUROS / CORRESPONSAL

BARBANZA

LAURA MARTELO

Tras sete anos inactivo, o club de bádminton de Outes volve á carga para animar á xente a participar neste deporte

24 nov 2019 . Actualizado a las 22:03 h.

Houbo un tempo, antes da aparición de Carolina Marín, na que pouca xente ou case ninguén coñecía o bádminton. Mais algún concello, coma Outes, xa contaba cunha boa canteira de rapaces e rapazas dispostos a demostrar que este deporte era moito máis que o irmán pequeno do tenis. Dende a súa fundación, o Club de Bádminton Outes conseguiu gañar numerosos torneos a nivel comarcal, provincial e mesmo autonómico.

Durante máis de cinco anos pasaron polas portas do pavillón municipal do Conchido multitude de mozos e mozas dispostos a elevar o status deste deporte descoñecido a base de duro traballo e moitas horas de diversión baixo a batuta de Carlos Romero. Case unha década despois, catro dos antigos membros do club tomaron o relevo e fixeron rexurdir o proxecto das súas cinzas. David e Alfonso Mayo, e Fran e Carlos Nine viron claro o tema este ano. «Chamounos o concelleiro de deportes [Daniel Rodríguez] para comentarnos que se ían reunir con tódolos clubs de deportes de Outes, e iso foi o que nos deu o empurrón», comenta Fran.

Os comezos

A pesar de botar a andar oficialmente como club no 2007, os adestramentos comezaran anos atrás dentro das actividades das escolas deportivas, o que implicaba ter que acudir ás competicións con outros equipos. «Alfonso, de feito, é campión galego co club da Estrada» explica David Mayo, presidente da entidade. Este foi o punto de inflexión que levou a Carlos Romero, anterior adestrador, a crear e tamén federar o club ata o 2012.

Durante os cinco anos que estiveron federados, os catro membros da directiva competiron activamente, proclamándose campións durante tres anos consecutivos e xogando coa selección galega no 2008. Nese mesmo ano participaron no campionato de España, celebrado en Vegadeo, no que Carlos Nine chegou a xogar contra Carolina Marín. «Foi nun partido de mixtos que xa tiñamos perdido e ofrecinme a xogar», comenta. A andaluza xa despuntaba daquela, tal e como apunta David: «gañaba ela sola a calquera que xogara».

Sobre os inicios neste deporte, as razóns de cada un deles son diferentes. «Eu empecei porque mo recomendara o meu tío para reforzar o brazo para hóckey, e engancheime», di Fran. Pola parte dos irmáns Mayo, apuntan que a instigadora foi a súa nai: «Para perdernos de vista nas actividades». Pero todos coinciden no descoñecemento que había sobre este deporte.

«Dende que apareceu Carolina Marín fálase máis de bádminton, pero antes ninguén sabía o que era e nos xa levábamos xogando dez anos», subliña Carlos. Para esta nova etapa, a directiva contempla federar o club para volver competir «tanto en absoluto como en sub-17» e animar a pequenos e maiores a aprender e gozar deste deporte.

Pretenden conseguir patrocinadores para o 2020 que lles axuden a conseguir o equipamento necesario para seguir dando moita guerra na pista, conquistar títulos e amosar o potencial que ten a canteira outense.