Músculo feminino no remo de Esteiro

ATLETAS DO ATLÁNTICO | Tralo traballo realizado no verán para crear unha tripulación de mulleres con antigas e novas integrantes, o club está a un paso de quitar traíña na Liga Galicia Calidade


ribeira / LA VOZ

O proxecto para reflotar a Asociación Deportiva Esteirana de Remo iniciado no inverno de 2018 non só acabou por conseguir o ascenso dos de Beni Fábregas á Liga Galega de Traíñas A (LGT A). Mentres loitaban por aquel soño, outra importante iniciativa estaba a ser construída de forma paralela. Da man dunha remeira, cuxo nome evoca algúns dos grandes títulos conquistados para a entidade en banco móbil, Uxía Saborido, prendeu a semente dunha idea que está a piques de florecer en forma dunha traíña feminina coa que disputar a Liga Galicia Calidade esta tempada.

«Non agardábamos tanta repercusión, pensabamos que podíamos xuntar unhas 20, pero que non quedaría ningunha en inverno», recoñeceu Saborido, remontándose a comezos do pasado estío, cando lanzaron unha campaña de captación de remeiras que foi amplamente secundada por mulleres de todo tipo. Dende antigas integrantes da Esteirana ou persoas con vinculación a este deporte, ata mozas que nunca se enfundaran o platanito. A realidade é que chegaron a contar con 60, das que actualmente adestran con regularidade máis de 30.

«As remeiras que seguen a integrarse no proxecto teñen as ideas moi claras, saben que xa non se trata de algo recreativo. A este nivel o remo pode que non sexa un deporte profesional, pero a súa esixencia case o é. Vamos, que isto non é zumba», explicou sorrindo Uxía Saborido, quen, evidentemente, é unha peza clave da tripulación: «Estou moi ilusionada de reencontrarme co mar despois de 7 anos sen remar. Nunca tiven un equipo co que adestrar, cando o facíamos eramos só cinco rapazas».

Ao cargo do corpo técnico deste proxecto atópase un David Torea que atracou case de casualidade neste grupo, botando unha man e realizando as táboas de adestramento das remeiras: «Simplemente quería amosarlles un pouco o mundo do remo e da traíña, pero a resposta e cantidade de mulleres que apareceron foi inesperada».

Mirando a xaneiro

Torea debuta como adestrador -«un xeito de devolverlle ao club o que me deu cando remaba»-, nun primeiro mes de traballo «con sensacións moi positivas e co grupo compacto», uns factores que de manterse ata xaneiro con toda probabilidade suporían a inscrición deste grupo de remeiras na Liga Galicia Calidade. «Temos grupos para adestrar de mañá e tarde, dende as 9.00 ás 22.00 horas. Todos coincidimos na gran vitalidade do club», anotou o técnico.

Sen embargo, non só da propia entidade, xa que a evolución amosada polas remeiras é notable. «Están a coller unha boa remada e cada vez o acople é maior. Agora estamos traballando aínda máis o aspecto físico», analizou Torea. Neste senso, as integrantes da Esteirana xa non son aquelas rapazas que debutaban xunto ás compañeiras rianxeiras e muradanas na Bandeira Promoción de Remo Feminino de Esteiro. O progreso foi constante, mais non mudou a ilusión que levou a conformar algunhas escenas que esconden belos exemplos para a sociedade. Fillas de 17 anos e nais de ata 40 remando cóbado con cóbado para demostrar que no remo de Esteiro tamén hai músculo feminino.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Músculo feminino no remo de Esteiro