Bendito porco inmundo

Francisco Ant. Vidal

BARBANZA

matalobos

Nesta parte do mundo, mentres uns nos contan que os ismaelitas non comen cocho porque Mahoma, antes de ser profeta fora coidador dunha piara, outros acóllense á idea de que era un medio de transmisións de enfermidades

10 nov 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Nunha carta de Mahmet Alí a Usbeck, recollida por Montesquieu nas súas Cartas persas, cóntase como Noé organizou a arca e botou todos os desperdicios dos animais contra un lado, sen decatarse de que eran tantos que a barca comezou a escorar. Aconsellado con Deus, Noé virou a postura dos elefantes para que a súa bosta caese na outra banda e compensase a escora. Entón xurdiu o milagre: do medio daquela inmundicia xurdiu o porco. Aí está a razón pola que este é un animal impuro.

Nesta parte do mundo, mentres uns nos contan que os ismaelitas non comen cocho porque Mahoma, antes de ser profeta fora coidador dunha piara, outros acóllense á idea de que era un medio de transmisións de enfermidades. Sexa como sexa non saben o que perden, e nós, por sorte, temos a san Martiño marcándonos o día do ano no que o bendito marrán pasa a mellor vida e a máis agradecidos estómagos.

Pero moito antes de que Mahoma recibise os consellos divinos por boca do arcanxo Gabriel, e incluso antes de que Moisés sacase a todos os hebreos da terra á que emigraran por ser o Exipto daquel tempo unha verdadeira terra de promisión, con moito traballo mal pagado, xa o cocho tiña moi mala prensa. Asociado ó deus Seth, o deus do caos, un verdadeiro demoño, malvado, tramposo e caloteiro, un argallante capaz de trocar de cara e corpo con tal de enganar a quen fose só para facer mal, en certa ocasión, facéndolle crer ós santos deuses do ben e da bondade que era un simple porco negro fozando na lama do Nilo, deixou que o seu sobriño Horus se lle acercase, para acometelo traidoramente lesionándolle un ollo, polo que Ra o maldixo e con el maldixo a todos os porcos e a todos os porqueiros, prohibíndolles entrar nos templos.