O BNG reclama partidas nos próximos orzamentos de Boiro para vivendas sociais e o pazo de Goiáns

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

A formación presentou unha serie de propostas en eidos como a dotación de servizos, o medio ambiente e a cultura

06 nov 2019 . Actualizado a las 16:32 h.

O grupo municipal do BNG de Boiro vén de presentar unha batería de propostas co obxectivo de que o goberno socialista as inclúa no proxecto de orzamentos do vindeiro exercicio. Entre as necesidades sinaladas polos nacionalistas figuran a creación de vivendas sociais e a dotación dunha partida para a rehabilitación do pazo de Goiáns.

A formación frentista aglutina as súas demandas en catro grandes grupos: servizos sociais, cultura, medio ambiente e dotación de servizos. Neste último aspecto, o grupo que encabeza Raquel Suárez reclama a dotación dunha partida orzamentaria para abrir dunha vez por todas o aparcamento da Boqueira de Anegral para poñer solución de maneira áxil aos problemas de estacionamento que hai no centro de Boiro. Por outra banda, o BNG incide na necesidade de dar pasos cara a municipalización do complexo deportivo da Cachada con cargo ao presuposto do 2020, así como a elaboración dun plan integral para o control de especies invasoras coma a velutina e a adquisición de equipos axeitados para a retirada de niños de avespa asiática en altura. No eido da mobilidade, os nacionalistas tamén demandan a creación de espazos para o estacionamento de vehículos de dúas rodas.

En canto aos servizos sociais, son dúas as iniciativas que consideran prioritarias: a rehabilitación das casas dos mestres baleiras para destinalas a vivenda social e que se dean os primeiros pasos para que o municipio conte cunha residencia da terceira idade realizando un estudo da localización máis axeitada para o inmoble.

O arranxo do pazo de Goiáns e a dotación de material e persoal para o funcionamento do centro social de Abanqueiro son as principais demanda no eido cultural, mentres que no medioambiental se reclama unha mellora do servizo de recollida do lixo e a introdución paulatina do modelo de compostaxe no municipio.