Manu Roque: «Este proxecto xa era unha aposta sobre seguro»

p. bretal RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Despois de destacar ao cargo da canteira noiesa e duns xuvenís que a pasada tempada gañaron a Copa do Sar, este ano lidera o proxecto para reforzar ao Lesende

05 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Manuel Díaz Mayo, máis coñecido como Manu Roque (Tal, Muros, 1976), está ás rendas dun Lesende que loita pola cabeza da Segunda Galicia empatado a puntos co Taragoña. Despois de destacar ao cargo da canteira noiesa e duns xuvenís que a pasada tempada gañaron a Copa do Sar, este ano lidera o proxecto para reforzar ao tamén filial noiés.

-Como valora o arranque do Lesende nesta tempada?

-Este proxecto xa era unha aposta sobre seguro, sabía que íamos estar cómodos. Antes de chegar tiña moi boas referencias dun equipo competitivo, grazas ao espléndido traballo de Albán e de Sil na confección dun conxunto con eses rapaces dos que escasean, comprometidos e con gañas de adestrar. Tiña o camiño andado e coa incorporación dos xuvenís presentouse a oportunidade perfecta de darlle contido ao proxecto. En canto aos resultados, é certo que temos moito que mellorar na casa.

-Queda moita liga, pero están ben situados. Por que loitan?

-O obxectivo que nos propuxemos é o de estar todos a gusto e que, despois, o nivel dos rivais sexa o que nos diga onde temos que acabar. Temos que ser moi humildes e moi cautos, pois gañamos moitos partidos que puideron escapársenos. Nesta liga está todo moi igualado.

-Entón, a quen hai que temer?

-Cando acabe esta primeira volta poderei comentalo con maior seguridade, pero creo que Abanqueiro e Queiruga teñen dous grandes bloques e que Taragoña, Bastavales, Calo e Bertamiráns están chamados a estar arriba.

-Debe ser un privilexio nutrir as filas do CF Noia.

-Con total respecto ao Lesende, esta debe ser a clave, ser ese escano intermedio. Temos futbolistas que poden xogar perfectamente co Noia como Marcos Lado, Lucas, Isi, Sergio ou Xan. Pero, como case todos os equipos, tamén temos o hándicap de ter a algúns xogadores lonxe.

-Que fútbol lle gusta xogar?

-Nesto sempre hai moito debate, penso que son os xogadores os que teñen que estipular a forma de xogo.