Marcos Santamaría: Un embaixador da cociña galega

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

O boirense viaxou por medio mundo dando a coñecer receitas tradicionais

31 oct 2019 . Actualizado a las 10:56 h.

A gastronomía tradicional galega ten un valor incuestionable, polo que desde diversos países interésanse por coñecela, sobre todo naqueles puntos nos que se concentran os emigrantes e os seus descendentes. Co fin de satisfacer estas reivindicacións, a Xunta de Galicia ten en marcha un programa que consiste no envío de cociñeiros que imparten cursos gratuítos. O boirense Marcos Santamaría está desde hai anos involucrado neste proxecto e xa leva percorrido medio mundo divulgando os mellores pratos que se preparan nos fogóns de Galicia.

En catro ocasións anteriores viaxara ao Brasil, e hai uns días regresou de Panamá, onde exerceu por vez primeira de embaixador da cociña galega. Ameixas, polbo, carne ao caldeiro, empanada, cocido e filloas foron algúns dos manxares que Marcos Santamaría achegou ás familias de emigrantes ao longo da semana que estivo en Centroamérica. Da experiencia destacou a boa acollida da que foi obxecto e o interese que amosaron os seus alumnos, pero recoñeceu que tamén se atopou con algún que outro obstáculo: «O gran problema é conseguir a materia prima. Como xa o sabía de cursos anteriores, o que fixen foi levar na maleta produtos como grelos, fermento de pan, unto de porco ou un anaco de fociño. Quería que eles cataran o sabor real que teñen os pratos, pois iso non se consegue con produtos de fóra de Galicia».

Como colofón das clases, antes de atravesar de novo o Atlántico, o boirense agasallou aos seus alumnos e a outros convidados cunha cea degustación, que contou coa participación de 70 comensais. Empanada de mexillóns e de polbo, polbo á feira, filetes de linguado con gambas ao albariño e un solombo recheo, recuberto de follado e acompañado de patacas panadeiras, constituíron o menú elixido por Santamaría para a ocasión, que optou por pechar o convite con filloas recheas de crema pasteleira e acompañadas dun fresco xeado de vainilla.

El, que xa ten impartido un feixe de obradoiros similares por todo o territorio español, sabe mellor ca ninguén cal é o prato da cociña tradicional que triunfa fóra das fronteiras de Galicia: «Coa empanada vólvense tolos, e tamén lles gusta o sabor de verduras como os grelos, porque cando se cocen con unto teñen un sabor único, que sobre todo para os forasteiros non se pode comparar con outro».

Adopción de pratos

Marcos Santamaría traballa como mestre no instituto de Foz, pero está moi ilusionado co seu papel como embaixador da cociña tradicional galega: «Esta experiencia permíteme coñecer outras culturas e tamén aprender receitas doutras cociñas. En Panamá, por exemplo, chamoume moito a atención o emprego do millo para moitos pratos».

O boirense aproveita estas viaxes para incorporar ao seu libro de receitas particular pratos e trucos que lle chaman a atención: «En Panamá empregan moito as follas dos plátanos e do millo para cocer carne dentro, e o resultado é moi bo. Do Brasil importei o cocido, que aderezan con cabaza. Alí as carnes son espectaculares».

A Marcos Santamaría gustaríalle seguir no futuro participando neste programa. Viaxar á Arxentina, a Chile e, sobre todo, a Costa Rica: «Interésame moito a cociña suramericana porque hai aspectos de aquí e de alá que se poden mesturar».

Formación. Marcos Santamaría conta coas titulacións de profesor de servizos de restauración e mestre de cociña.

Profesión. O boirense exerce de mestre no instituto de Foz, onde imparte clases de servizo de restauración sobre montaxe de mesas e nos eidos do cóctel e do café.