«Ten que haber máis residencias públicas en Barbanza»

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O candidato coruñés ao Congreso presentou en Boiro as propostas para a bisbarra nun acto arroupado por Pontón, Xosé Deira e militantes

30 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG fixo o seu primeiro gran desembarco electoral na bisbarra, nun acto na Pousada da Galicia imaxinaria de Boiro, no que o candidato ás vindeiras eleccións xerais por A Coruña, Néstor Rego, presentou as principais medidas do programa que afectan á comarca, con especial fincapé no sector do mar e nas necesidades en materia de dependencia. Fíxoo acompañado da voceira nacional da organización, Ana Pontón, así como do candidato ao Senado, o boirense Xosé Deira, a exdeputada Rosana Fernández e a responsable da agrupación local, Raquel Suárez.

Neste senso, Rego identifica uns problemas comúns na zona cos de Galicia, derivados dun adelgazamento progresivo do orzamento, dos que lembrou que o Bloque fixo contrapeso «con só dous deputados» durante a época de Zapatero. Abordou problemas como a carencia de servizos para os maiores e defendeu que «ten que haber máis residencias públicas en Barbanza». Os nacionalistas centran o foco sobre o gran motor económico barbancés, o mar, e poñen sobre a mesa a necesidade de artellar tres vías de actuación. A primeira é a de lograr representación para poder volver a ser un interlocutor con peso e influír a nivel nacional no reparto de cotas pesqueiras -lembrando casos como o da xouba en Rianxo-, seguindo por lograr un saneamento integral das rías galegas que «debe pagar o Estado porque conta coas competencias».

Neste último punto, Rego concretou a necesidade de actuar na ría de Muros-Noia de forma definitiva, pero tamén de non perder de vista a gran riqueza da ría de Arousa ameazada polo proxecto da mina de Touro-O Pino. O cabeza de lista coruñés remarcou a oposición do Bloque ao traslado dos lodos do dragado do río Lérez preto de Sálvora.

Convenio colectivo

A terceira gran liña do sector do mar pasa polos dereitos dos seus traballadores, dos que Pontón lembrou que hai miles de mulleres traballando na conserva para as que propoñen un «convenio netamente galego», así como un colectivo para os traballadores da pesca, «hoxe sen nada que ampare os seus dereitos laborais», así como o aumento dos cocientes de redución e o recoñecemento das doenzas das mariscadoras, pero tamén a subida do salario mínimo a 1.200 euros e a vinculación das pensións ao IPC por lei.

Do mesmo xeito, o BNG aposta por seguir a liña de modernización das conserveiras da bisbarra. Para elo poñen por diante ideas como a creación dunha banca pública galega que financie iniciativas pioneiras e de modernización. Mais non só neste ámbito, tamén no eido forestal a través do cambio de modelo produtivo e a aposta por variedades autóctonas frondosas das que se contemple a comercialización dos seus produtos -castañas, cogomelos...- e de madeira de calidade.

Rego abordou a necesidade en materia de infraestruturas e comunicación viaria da comarca, solicitando o desdobramento do corredor de Brión-Noia, pero tamén a mellora das vías secundarias no rural, así como unha estratexia baseada no transporte ferroviario a través dunha firma pública. O nacionalista sinalou a situación de desconexión de Barbanza e a atractiva posibilidade de dotala dunha liña para o transporte de mercadorías.