Dani Canosa: «A clave do éxito non está na vitoria, senón en gozar do camiño»

Laura martelo MUROS / CORRESPONSAL

BARBANZA

LAURA MARTELO

Atletas do Atlántico | O muradán volve tomar as rendas do equipo. Tras seren campións de España na categoría cadete, inicia o curso coa mesma filosofía: gozar e manter unha actitude positiva na bancada

28 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Chámanlle encantador de serpes por usar a psicoloxía para motivar e crear equipo. Daniel Canosa (Muros, 1983) vive o remo e nótase a emoción no seu rostro. Aos 9 anos subiu por primeira vez nun batel, e con 15 foi o patrón máis novo en competir na contrarreloxo da Bandeira da Concha. Remou en clubs de renome, acadando multitude de títulos, pero prefire gozar sen preocuparse por gañar, unha filosofía que fixo aos seus pupilos campións de España de bateis esta tempada, feito do que está moi orgulloso. As súas máximas son motivar dende o positivismo e transmitirlles o valor de cada un deles no equipo.

- Non sei que ten o remo, que parece que atrapa…

E tanto que atrapa! Calquera dos que formarmos parte do equipo temos que compatibilizalo co traballo, familia, estudios... pero o final sempre acabamos buscamos esa horiña para adestrar.

- Non é fácil dedicarse a un deporte sen tanta presenza nos medios coma o fútbol, non?

Faise un pouco máis sacrificado por ese motivo, porque a todos nos gusta que nos recoñezan o esforzo que facemos. Por exemplo, no País Vasco vívese doutra maneira, teñen máis presenza nos medios e facilidades en tódolos ámbitos porque se vive máis intensamente e hai máis tradición. Aquí é todo máis sacrificado nese sentido, aínda que a cousa vai cambiando e temos máis presenza. A xente recoñéceche e iso xa che da unha enerxía importante, porque tódalas horas de dedicación vense un pouquiño recompensadas.

- Quedei moi impresionada co implicado que está Muros co club

Nesta nova etapa démoslle unha volta e intentamos publicar moitas noticias, traballar cos rapaces, e iso fixo que o pobo fora vendo ao remo dun xeito diferente. Eu tamén estiven na etapa anterior e a percepción era que os perdidos iamos ao club de remo [risas]. Agora é totalmente diferente. Entre directivos preguntámonos que estamos facendo ben. A orientadora do instituto, por exemplo, ponse en contacto con nós por se podemos coller a algún rapaz con problemas de integración, e mesmo fala coas nais para que os traian. Os rapaces acaban por socializar máis grazas ao remo, e quedas impresionado.

- Se non traballas cos teus compañeiros o barco non vai adiante.

En tódolos deportes empregan ao remo como exemplo de traballo en equipo. É dicir, ou remamos todos na mesma dirección ou o barco non se move. Nós estamos encantados vendo a evolución que tivemos neste catro anos. Cando comezamos quixen darlle unha volta porque tiña a sensación de que despois de estar remando varios anos en clubs de fóra, o facía mais por rutina que como un deporte para gozar. O único obxectivo que temos é gozar. Ninguén nos presiona, nin nos presionamos nós, nin o pobo nos esixe resultados, e sen embargo ao gozar é cando veñen os resultados. Penso que a clave do éxito non está na vitoria, senón en gozar do camiño que nos pode levar a ela.

- Fálame da túa traxectoria

Debín comezar con 9 anos. O club estaba na lonxa vella e miña nai meteume no remo para non andar tanto na rúa porque se non ía acabar mal, ou iso pensaba ela [risas]. Gustábame e dábaseme ben, porque daquela era pequeno, e comezaron a meterme de patrón. Probei outros deportes pero o que máis me enganchou foi este. No 2000 empecei a remar noutros clubs. Claro, cando non se cumprían as expectativas era fácil que entrara o pesimismo no club e saltaran as pequenas leas. Chegou un momento no que non quixen seguir así, e que se ía remar era para gozar. No ano 2012 eu viña de competir con Amegrove, de gañar 2 ligas e conquistar todas as bandeira da tempada 2011, pero quixen novos retos no meu pobo. Ese ano 2012 non saíu o proxecto adiante por decisións erróneas á hora de formar o equipo. No 2015 remei con Tirán na ACT, pero non continuei por incompatibilade co traballo e familia. Despois volvín darlle unha volta ao proxecto do club de Muros, e comezamos de cero, con rapaces moi novos e con remeiros que estiveran no 2005, e sen remeiros de renome, conseguimos facer unha temporada espectacular, e só gozando.

- O club tivo anos de grandes logros

No 98 mercamos unha traíña e fixemos unha gran tempada. No 99 quedamos cuartos no Galego e ao renunciar o terceiro fomos nós á Concha. Era un soño. Para o Barbanza eramos o primeiro club que participaba. Daquela tiña 15 anos e aquilo era inimaxinable. No 2005 e 2006 tivemos tamén bos resultados porque eramos un equipo de xente nova que gozaba. Agora ben, esta última etapa para min foi con diferenza a mellor polo equipo que temos de rapaces tan novos e tan sans, de xente que xa remou na tempada 2005-2006 que tamén é moi sana e ten ganas de gozar. O mellor que conseguimos foi que o pobo se afanara e se ilusionase co remo. Chegar dunha regata e que todos che pregunten por ela é marabilloso, quedas impresionado. Non digamos cando organizamos a bandeira de Muros...

- Tedes tamén equipo feminino?

Estamos estudando a posibilidade de sacala, pero se queres facer as cousas ben, é mellor ir pouco a pouco. Non temos aínda o número suficiente de remeiras para saír por nós sós, por iso cabe a posibilidade de xuntarnos con outro club, pero as xuntanzas sempre son delicadas e hai que buscar as mellores fórmulas para que cada remeira se sinta importante!

- A traxectoria dos cadetes é incrible

Os rapaces empezaron de infantil fai catro anos e non tiñan coñecementos de remo. Eu levaba a traíña e ao mesmo tempo adestrábaos. O primeiro ano fomos a regatas de bateis, non conseguimos nada do outro mundo. Ao ano seguinte case entran no de España, quedaron quintos de Galicia, e xa foi un logro. Cando pasaron a cadetes pasou o mesmo. O primeiro ano quedaron a piques de entrar no galego, e esta tempada quedaron campións de España, simplemente por cociñalos a lume lento. O que tal conseguimos... é tremendo. O que interesa é formar á xente pouco a pouco para ter equipo propio e explicarlles ben as cousas. É normal que cando ven a equipos grandes, como Orio, miren para eles. Cando fomos a Teis, que foi cando quedaron campións de España, xa lles dixen no coche: Eh! De mirar nada, que miren eles para nós, que saiban onde queda Muros. Aprenderon onde queda Muros! [risas] E no día a día é o mesmo. Non hai que pensar que por ir a outro club grande imos ser máis felices. Para min o importante é a felicidade, e o que temos que facer é crear un bo ambiente para que sexan os de fóra os que queiran remar con nós. Este ano, por exemplo, empezou un rapaz que estaba gañando na liga A, e sen embargo quere probar esta tempada con nós, así que algo debemos estar facendo ben nese sentido.

- Que previsións tedes para este ano?

A nivel de canteira temos moitos rapaces, pero non temos instalacións propias. Temos sorte, porque son novas, pero non son adecuadas para o remo. As embarcacións son moi complicadas de sacar e non temos un ximnasio axeitado. A organización das categorías é un dos hándicaps. Este ano vou levar a categoría xuvenil sénior, temos entre 20 e 24 remeiros e algúns pendentes de confirmar, polo que penso que un equipo para gozar imos ter. Obxectivos nunca me marco, só gozar, os resultados xa veñen despois. Eles xa me coñecen, chámanme encantador de serpes porque lles digo algo bonito e despois coméntolle o que teñen que corrixir, e para min é unha das claves do éxito destes anos, de dicir as cousas de forma positiva. Normalmente cando lles dis algo bo e despois intentas corrixilo acéptano moito mellor.

- A timidez non é unha característica que che defina, polo que vexo

Hai moita xente que cando se atopa diante dun grupo de xente e ten que falar cohíbese. A min gústame que me vexan falar e que vexan que me emociono. Son tan friki que me encanta darlle ese punto romántico porque o sinto así. De feito gústame moito a parte psicolóxica e pedinlles que viñeran á reunión co equipamento coa escusa de que pediras unha foto. Fixen isto porque así, a xente que viña con algunha dúbida, ve a imaxe dun equipo e invítao a entrar. O que funciona non tes que cambialo, e o que cres que non funciona hai que intentar cambialo e non ser teimudo. Gústame dicirlles que son os mellores e chámanme encantador de serpes, pero xa lles digo: mirade os resultados e despois dicídeme se non estaba no certo!