O colexio Ana María Diéguez mostra no Museo do Pobo Galego o seu traballo sobre o patrimonio

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

PACO RODRÍGUEZ

A exposición forma parte da proposta premiada na undécima edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

28 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En xuño do 2018, o colexio Ana María Diéguez de Asados era recoñecido co primeiro premio do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas na categoría de primaria, e desde o sábado o resultado desde proxecto está exposto no Museo do Pobo Galego. A proposta do centro rianxeiro, Pintando o noso patrimonio definimos a nosa identidade, recolle e pon en valor o patrimonio material e inmaterial do municipio e da parroquia.

A inauguración da mostra, que se expón xunto co traballo premiado na modalidade de secundaria, que recaeu no CPR María Inmaculada de Silleda, foi inaugurada nun acto que contou coa presenza, entre outros, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e de Justo Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, promotora dun certame encamiñado á educación patrimonial e ao coñecemento do galego.

Como gañador do premio, o Ana María Diéguez recibiu sete mil euros para desenvolver o seu proxecto, e o resultado é un mural de 50 metros que se expón nos muros exteriores do colexio, mentres que no museo compostelán o que se pode ver é una reprodución por tramos desa pintura, na que se recollen elementos do patrimonio rianxeiro. A mostra inclúe tamén textos explicativos sobre o labor de investigación que se levou a cabo nas aulas, sobre o deseño e sobre a execución do mural. Traballos dos alumnos e unha selección de vídeos accesibles mediante códigos QR nos que os nenos mostran e explican elementos do patrimonio da súa parroquia completan a exposición.