Ana Belén Dávila: A científica rianxeira que loita contra o cancro

É a responsable da liña de traballo de nano-oncoloxía da Unidade Mixta Roche-CHUS de Oncomet


Ribeira / la voz

Asemellaría un guión de película perfecto. Falar dunha rapaza que dende que tivo uso da razón sempre perseguiu o mesmo soño, sen fisuras, sen dúbidas... Mais as historias de verdade non veñen prefabricadas. Constrúense coma o mesmo camiño, pegada a pegada, pero cos propios pasos. Historias nas que o selo de autenticidade imprimen o esforzo, o sacrificio e as incontables horas de estudo e traballo. Igual que na de Ana Belén Dávila Ibáñez (Rianxo, 1983).

Integrante do equipo da Unidade Mixta Roche-CHUS, que se enmarca no grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) -unha colaboración entre Roche Farma S.A., Oncomet e a axencia de innovación Gain da Consellería de Emprego e Industria-, Dávila é a responsable dunha das tres liñas de traballo, concretamente a de nano-oncoloxía, dentro do gran proxecto que se está a desenvolver sobre a biopsia líquida, unha pioneira metodoloxía para o diagnóstico do cancro.

«O obxectivo da unidade é o desenvolvemento de solucións innovadoras para a mellora da diagnose, tratamento, avaliación e monitorización do cancro de mama e próstata de maneira individualizada», relatou a científica rianxeira, cuxa investigación está baseada no emprego da nanotecnoloxía e nanomateriais para crear novos nanosistemas cos que mellorar as ferramentas actuais da biopsia líquida.

Presente e pasado

Ana Belén Dávila contribúe a comprender mellor o proceso de metástase nestes dous cancros, co reto de procurar marcadores para lograr un tempo máis rápido de detección ou poder determinar terapias máis precisas para cada paciente. Por exemplo, parte do seu traballo tamén está focalizado na síntese deses minúsculos materiais, a súa caracterización e funcionalidade para acadar propiedades óptimas que logo poidan traducirse na creación de moléculas ou fármacos e levar a loita contra esta enfermidade a un nivel celular.

Malia todo, houbo outros tempos. Tempos nos que a agora doutora en Química era unha gran estudante no colexio Castelao, logo no IES Félix Muriel e despois na Universidade de Santiago de Compostela, ata converterse nunha das graduadas da primeira promoción do Máster de Química Avanzada que, ante un taboleiro de anuncios, descoñecía o gran paso que estaba a piques de dar. A tese.

Así acadou o seu primeiro contrato de investigación e entrou nun laboratorio de química, pero no que tamén había un grupo de física aplicada. E así prendeu o idilio co que acabaría a súa especializade. «Non era física pura, máis ben a súa aplicación a materiais. Pensas: realmente podo facer algo que cambie de verdade as cousas a medio ou longo prazo», lembrou Dávila dos primeiros anos formándose en aspectos máis básicos deste campo, que acabou sendo obxecto da súa tese, Synthesis and functionalization of magnetic nanostructures for different applications.

Europa como laboratorio

A súa tese foi de tipoloxía europea, polo que Dávila tivo a oportunidade de coñecer distintas formas de traballo a través de varias estancias internacionais. No 2008, pasou tres meses en Australia, na Universidade de Melbourne, onde tivo o seu primeiro contacto coas aplicacións máis biomédicas, como o encapsulado de moléculas para a terapia. No 2010, na Universidad Complutense de Madrid sintetizou os nanosistemas por primeira vez para testalos sobre cultivos de células. E na Universidade de Cardyff, en Reino Unido, colaborou na elaboración dun estudo químico da formación deses sistemas desenvolvidos en Madrid.

Non foi a súa última parada antes do Hospital Gil Casares. A finais do 2012 iniciou o posdoutorado a través dun proxecto Marie Curie que a levou a traballar na universidade parisiense do mesmo nome, no grupo Jean Michel Siaugue e nas firmas farmacéutica e bioquímica Pro-Actina Pharmathen e Epos-iasis. En Grecia e Chipre estreábase en proxectos relacionados co cancro.

«Ver que unha parte túa pode estar axudando a algo, por moi pequeno que sexa, é un soño para calquera que investigue», explicou a rianxeira, por unha banda contenta de ter a oportunidade de traballar e enriquecerse cun equipo multidisciplinar, e por outra, orgullosa de plantar cara á maior lacra deste século.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Ana Belén Dávila: A científica rianxeira que loita contra o cancro