Álex Vidal: «O taekuondo está evolucionando moito, sobre todo tacticamente»

BARBANZA

MARCOS CREO

O tetracampión do mundo pechará a tempada a próxima semana con motivo do Europeo de Bari

25 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O tetracampión do mundo de parataekuondo, Álex Vidal (Ribeira, 1981) disputará a próxima semana, en Bari, o seu último torneo internacional da tempada. Cun ollo na clasificación para Tokio 2020, o veciño da Ameixida explica como foi o ano e como afronta un Europeo no que quere alcanzar o máis alto do podio.

-Como chega a esta cita?

-O certo é que ben, con ganas de pelexar para gañar. Vamos aproveitar para facer cambios. O taekuondo está evolucionando moito, sobre todo tacticamente. Estamos mirando como adaptalos ao parataekuondo. Traballamos niso estes meses e esperemos que saia ben. Veremos no primeiro combate se funciona ou se temos que rectificar.

-É o seu último torneo deste curso. Como valora o ano?

-Ben, empezamos co Mundial, onde se me escapou a final nos últimos tres segundos. Foi un despiste, pero neste nivel non podes telos. Logo estiven no campionato africano, no que o médico non me deixou competir por unha lesión na man cando eu quería seguir. Logo, como xa tiñamos bastante carga, decidimos facer un parón, pero a federación mandounos alargar a tempada. Fun ao campionato asiático, onde quedei fóra en cuartos de final contra un tailandés. Nunca pelexara contra el, non estaba acostumado e o peto deixou de funcionar. Agora estiven coa preparación para o Europeo, pero o importante chega en xaneiro.

-Que toca logo?

-A ver que pasa neste campionato. O 1 de xaneiro péchase o ránking mundial e hai que ver se teño unha praza directa para Tokio ou se toca seguir.

-Supoño que ese é o soño de calquera deportista.

-Si, levo catro anos facendo un ciclo olímpico, no que pasei un montón de adversidades. Quero destacar o patrocinio de Serdeco, que me permitiu ir a probas nas que coa federación non podía acudir. Tiven que pasar polo quirófano, pero foi un plus, porque levo tres anos sen lesións. Quero agradecerllo a Luis Casais, porque apostou por nós para botarnos unha man e dar un salto, tanto fisicamente como na prevención de molestias. Juan Luis Martínez xa estivo comigo dende o primeiro minuto, sempre tratando de innovar e moi pendente de min. A nivel de preparación, tamén contei co apoio de Agrelo, que, ademais de ser o presidente do Natural, perdeu do seu tempo para vir adestrar comigo, así como Raúl Bouzas, que se incorporou como fisioterapeuta ao corpo técnico.

-E por último. Que nivel espera neste Europeo?

-Estiven botando un ollo aos que están rexistrados e a verdade é que presentáronse 14 dos máis potentes do ránking mundial. Dende logo non será nada sinxelo, pero trataremos de facelo o mellor posible.