Un certame convida a narrar pequenas historias de mulleres

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

BARBANZA

carmela queijeiro

Está promovido polo colectivo ABAS e busca promover a igualdade e o fin dos malos tratos

25 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A violencia exercida contra a muller, a igualdade de xénero, as liberdades e a diversidade sexual son os grandes temas que poden abordar as plumas interesadas en concorrer ao certame de relato curto que vén de convocar, por segundo ano consecutivo, a Asociación Barbancesa de Axuda e Solidariedade (ABAS). A este concurso pódense presentar todas as persoas maiores de 12 anos e o prazo para remitir os traballos estará aberto ata o 10 de novembro.

Este certame, bautizado como Historias de mulleres, convócase con motivo do vindeiro 25-N, Día Internacional pola Eliminación das Violencias cara as Mulleres. Establecéronse tres categorías: unha adolescente, dirixida a mozos de 12 a 16 anos; outra xuvenil, para persoas de 16 a 30 anos; e a adulta, para aqueles que teñan máis de 30 anos. Os primeiros clasificados en cada unha delas faranse con talóns que oscilan entre os 80 e os 150 euros.

Ata mil palabras

Para concorrer a este certame, os relatos deben estar escritos en galego, seren inéditos e ter un máximo de mil palabras. Os traballos deben ser enviados ao correo electrónico do colectivo ABAS: coordinador.abas.asoc@gmail.com.

Catro persoas con coñecementos na materia de xénero e no eido da literatura integrarán o xurado, que dará a coñecer o seu fallo no vindeiro mes de novembro. Ao igual que o ano pasado, está previsto que a entrega dos galardóns teña lugar no marco dos actos que se celebren na Pobra para conmemorar o 25-N.