O Porto

Carlos Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

22 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos galegos visitamos a cidade do Porto dende hai anos, e case sempre a asociamos cunha metrópole decadente pero evocadora, probe e algareira. Outros galegos vírona sempre como a cidade para visitar con poucos cartos.

Ese mesmo abano de sensacións é a que moitos teñen das pequenas vilas mariñeiras -tamén do interior- que non están no eixo atlántico galego. Nada máis lonxe da realidade, nos dous casos.

Con todo, as políticas urbanísticas desenvoltas nos últimos corenta anos foron ben distintas nos dous casos, e podemos conglutinar tamén as cidades do eixo atlántico, agás Pontevedra, Compostela e pouco máis. Díxoo o prestixioso arquitecto Eduardo Souto de Moura nunha recente entrevista neste xornal.

Hoxe, a cidade do Porto é unha conurbación moderna, europea, afastada da imaxe de deterioro que mantemos na nosa mente, unha urbe culturalmente hiperactiva, elegante e atraínte, sen perder a súa identidade. Malia que na súa trama locen contemporáneos edificios admirados polos visitantes e orgullo do pobo, souberon manter e restaurar o vello patrimonio construído, souberon manter os seus tranvías e os lastros do chan, os de toda a vida. Nin se lles pasou pola mente asfaltar as rúas, como aquí.

As súas novas rúas son verdadeiros bosques, con árbores a ámbolos dous lados, tamén no centro. Souberon manter as alamedas, co pavimento de terra, sen formigón. Hoxe, a cidade do Porto -e o resto do país- é unha lección de modernidade e tradición que deberíamos aprender en Galicia, un destino obrigado para os alcaldes, tamén para os veciños. Aprendamos deles.