José Antonio Pérez: «Non se teñen en conta as características da flota artesanal e sempre pagamos o pato»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

As numerosas frontes que ameazan o sector teñen moi ocupado ao máximo responsable da entidade autonómica

20 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando se lle pregunta por cales son os asuntos que ten agora mesmo enriba da mesa, o presidente da Federación Galega de Confrarías, o ribeirense José Antonio Pérez, suspira: «Mi madre! Por onde empezo?». Son moitas as frontes abertas, as solucións son complexas e o futuro do sector, incerto, así que non parece o mellor momento para poñerse á cabeza da entidade: «Onde me fun meter...». Non lle quedaba outra, é un home de mar, non só por oficio, senón tamén por convicción. E dende esa convicción trata de defender os intereses da flota artesanal.

-Acaba de chegar de Francia, que tal lle foi?

-Fomos ao comité do Consello Consultivo de Augas do Atlántico Sudoeste (CC-Sur) moi ilusionados porque tivemos a oportunidade de presentar un proxecto sobre o límete legal de chumbo no reló que, se se acepta, será moi importante para a ría de Arousa, principalmente, e tamén para outras como a de Muros-Noia. En base ás evidencias dun estudo que fixemos solicitamos ao CC-Sur o seu apoio para solicitar á Axencia Europea de Seguridade Alimentaria que revise ese límite. Este estudo demostra que a biodisponibilidade do plomo é inferior ao 0,02 %, é dicir, que a cantidade de metal asimilable polo ser humano é practicamente cero e polo tanto non é perigoso para o consumo.

-Como representante do sector terá centos de asuntos enriba da mesa, pero cales son as grandes preocupacións agora mesmo?

-Temos moitísimos problemas, empezando polo reparto de cotas. Estamos mirando como vai quedar a da sardiña o próximo ano, a débeda que temos coa cabala, o reparto da pescada... Con isto último estamos descontentos. Falárase de que en outubro se ía facer un reconto para repartir a cota sobrante e fíxose, pero a flota de artes menores quedou fóra dese reparto.

-É a flota de artes menores a irmá pobre do sector pesqueiro?

-Eu penso que si, aínda que somos a máis grande. E con estes límites que estamos a ter para pescar temos moitos problemas. Hai barcos que se dedican só á pescada e quedaron sen cota e non se tivo en conta no reparto.

-Por que pasa iso? Por que se deixa fóra á flota artesanal sendo tan numerosa?

-A escusa que poñen é que traballamos varias artes e o resto só teñen unha. Pero eles poden pescar moitas especies. Non se teñen en conta para nada as peculiaridades da flota de baixura e sempre pagamos o pato os mesmos. Hai miles de familias que viven da pesca artesanal, máis que da industrial, e o que teñen que procurar é facilitarnos as cousas, non complicarnos máis.

-Outra cuestión que lles trae de cabeza son os descartes.

-Estamos a pasar apuros por este tema, a flota artesanal máis. Agora que temos unha porcentaxe de minimis aínda imos entrampando para ir tirando, pero cando se acabe a ver. A pesca de baixura é a máis esquecida e iso non pode ser. Mira por exemplo o que pasa co xeito, que queda sen cota. Agora estase a traballar no proxecto Ómnibus, que permitirá á flota artesanal facer intercambio ou mercar cota, algo que neste momento non pode facer. Isto está pendente de aprobarse, e esperamos que a partir de xaneiro vaia para diante.

-O problema coas cotas e as queixas pola súa escaseza son unha constante...

-Si. Coa sardiña sempre dixemos que se podía pescar máis, este ano pediamos 15.000 toneladas a repartir con Portugal porque sabíamos que había moita máis biomasa da que dicían os informes. Non nos fixeron caso e pasa o de sempre, que no verán córtannos a pesquería porque non hai cota. Ademais, das 10.700 toneladas que había, a España só lle toca o 33 %, polo que tamén pedíamos un reparto máis equitativo da cota porque nos parece que é un pouco desproporcionado. Logo está o tema da cabala, que nos ten desgustados. Aínda temos que pagar a sobrepesca do 2009 ata o 2023, e o que demandaba o sector era que puidera amortizarse con outras especies ademais da xarda e a anchoa. Intentámolo por activa e por pasiva, pero non nolo permiten.

Ademais das cuestións relativas á pesca, hai temas de índole laboral que tamén teñen preocupado ao presidente da Federación Galega de Confrarías.

-Causou sorpresa nas confrarías que o ministerio confirmara que os traballadores do mar tamén teñen que fichar.

-É inviable. Vai haber unha reunión de traballo no ministerio que espero que sexa pronto na que estará presente o sector, porque ata o de agora non contaron con nós para nada. O que demandamos é que senten con nós e nos escoiten, temos que explicar como é o noso traballo e que nunha embarcación pequena, sen ponte nin nada e mollados como estamos, non podemos ter un papel para fichar. É inviable. Somos o réxime especial do mar, que é o que non entenden?

-Teñen data xa para esa reunión?

-Estouna esperando como auga de maio. E hai outra cuestión que tamén nos preocupa moito, o tema da medidas técnicas

-Explíquese.

-E un réxime de control que a Unión Europea está estudando estender ás embarcacións pequenas, de menos de dez metros, obrigándoas a ter un diario electrónico. Na flota de baixura temos vixilantes das confrarías, Gardacostas, Policía Autonómica, Garda Civil do mar... Que máis medidas queren que esas para controlarnos? Non sei de onde sacaron esa idea, pero é inviable. Como van meter un diario electrónico as dornas e as lanchas? Xa se nos aplicaron medidas desproporcionadas coma a dos botiquíns e seguimos igual. Isto sería un descalabro.

-O informe anual sobre o sector pesqueiro en España recollía a preocupación pola falta de traballadores, é un problema serio?

-Non me estraña que non haxa xente para traballar no mar coas trabas que nos poñen! A xente está moi cansa e escapa. Este é un traballo moi difícil. É moi duro a nivel emocional que esteas no mar pasando penurias, frío, con temporal, xogándote a vida, e que collas dúas caixas de peixe e teñas que tirar con unha e non poidas levala para a casa para darlle de comer aos teus fillos.