Agustín Dosil Maceira: Un pioneiro que non para de asumir retos

Axudou a fundar a Facultade de Psicoloxía e traballa nos eidos da educación, a familia e o xacobeo


ribeira / la voz

O profesor José Luis Pinillos deulle un día un consello: «Se queres ensinar ben non só tes que ler libros, tes que saír á sociedade, involucrarte nela». E Agustín Dosil Maceira (Noia, 1942) seguiuno ao pé da letra. Dedicouse profesionalmente á súa vocación, o ensino na área de psicoloxía, pero é fundador, presidente e membro dun feixe de entidades vinculadas fundamentalmente a tres áreas: a educación, a familia e o Camiño de Santiago. O xoves ingresará na Academia Xacobea nun acto que se celebrará no coliseo Noela, un novo recoñecemento que se suma a outros moitos, pois xa é membro correspondente da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas e integrante de número da Academia de Psicoloxía de España.

O currículo deste noiés é inmenso. Proba diso son as trescentas veces que atravesou o Atlántico para impartir conferencias e cursos, representar a asociacións, organizar congresos ou recoller nomeamentos, entre os que figuran o de Doctor Honoris Causa pola Columbus University de Panamá. Estas viaxes non lle restaron tempo para publicar case vinte libros e dirixir incontables proxectos de investigación e teses doutorais.

O punto de partida

Pero para Agustín Dosil, o momento máis destacado da súa intensa traxectoria foi cando se converteu no primeiro catedrático de Galicia no eido da Psicoloxía. Ese intre marcou o seu futuro, que se orientou cara a dous camiños diferenciados. No profesional, o noiés constituíu un alicerce da actual Facultade de Psicoloxía, centro que contribuíu a fundar e a desenvolver ao tempo que colaboraba con institucións dedicadas á investigación de medio mundo. O seu esforzo viuse compensado con distincións como a Cruz da Encomenda de Alfonso X El Sabio ou coa insignia Fonseca da USC e levárono a converterse en reitor da Universidade LiberQuaré.

Por difícil que pareza, o seu currículo énchese, e moito, co labor que desenvolveu no eido social, no que tamén foi pioneiro desde diversas frontes. Na súa Noia natal fíxose consciente da importancia que tiña o feito xacobeo e en canto puido mergullouse na súa promoción, dentro e fóra de España. Durante 15 anos asumiu a presidencia da Irmandade de Santiago no Mundo e na actualidade é o vicepresidente da Fundación da Peregrinación a Santiago, que traballa de forma altruísta para difundir o Camiño. Asegura que a recompensa ao traballo realizado está nas cifras: «O ano pasado recibiron a Compostela 360.000 persoas e chegaron a Santiago turistas procedentes de 186 países».

Na que foi sempre a súa profesión, a educación, tamén quixo Agustín Dosil desenvolver un labor que foi máis alá das aulas. O seu mérito neste eido foi presidir as asociacións de pais de tida España e chegou ata o Consello Escolar do Estado, onde se debaten as leis en materia de educación: «Animei a que se asinase un pacto nacional e estivemos a punto de conseguilo. Foi unha mágoa, porque a educación é tan importante que ten que estar por riba dos partidismos».

Axuda a nenos e maiores

Se tivera que sinalar cara un logro do que sentirse máis orgulloso, o noiés marcaría sen pensalo a familia que conseguiu formar: «A miña dona, que tamén traballa na universidade, está detrás ou diante de moitos dos meus méritos». E tamén aquí o seu labor sae das paredes da súa vivenda. Na actualidade preside Familias Mundi, unha rede que ten presenza en 23 países. No eido da infancia, impulsou o programa que hoxe segue a propiciar que nenos de Chernóbil visiten Galicia cada verán: «Estando en Rusia para impartir unha conferencia expuxéronme a necesidade que tiñan estes cativos de cambiar de aires e tróuxenos á ría de Noia».

E aínda agora, sendo un xubilado hiperactivo que gusta de pasar os domingos en Noia, xa que como di «as raíces non se poden perder», segue a argallar inventos, a tratar de seguir sendo pioneiro: «Estou moi mergullado no campo das persoas dependentes. Participei na elaboración da Lei de Dependencia do Estado e creamos unha empresa para tratar de impulsar unha rede de centros. Gustaríame que na nosa comarca houbese un servizo destas características, que contribuiría tamén a crear emprego para frear a emigración».

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
0 votos
Comentarios

Agustín Dosil Maceira: Un pioneiro que non para de asumir retos