Diego Ferreira «O título de campión galego de carcrós decidirase en Taragoña»

p. bretal RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O autonómico de autocrós cumpre hoxe a vixésimo terceira edición desta proba no circuíto de O Castro

19 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego Ferreira Triñanes leva 15 anos ás rendas da presidencia da Escudaría Rallyactividad, a entidade rianxeira ao cargo de dúas probas fundamentais do motor galego, o eslalon e o autonómico de autocrós, cuxa última parada terá lugar hoxe no circuíto de O Castro, en Taragoña.

-Xa van 23 paradas de autocrós en O Castro, podería facer un pequeno balance do que significa esta proba para Rianxo?

-Levamos anos de subidas e baixadas, quizá estea en decadencia e sexa unha modalidade un pouco no esquecemento da federación. Vivimos tempos mellores, é certo, pero agardamos a que isto vaia a máis. Independentemente, para Rianxo é positivo porque sempre vén xente que coñece o pobo e deixa un beneficio xeral. Nós estamos contentos, porque agora parece que se vai recoñecendo a súa importancia, sobre todo a través do Concello que lle da visibilidade e o seu apoio.

-A última vez o galego disputouse en xuño, por que se trae agora como peche e como influirá este tempo na competición?

-Decidímolo por temas de calendario, nós tamén temos o eslalon en verán e xa levábamos varios anos que preferíamos pechar o calendario do autocrós. A climatoloxía actual é boa por un lado, porque o tempo préstase a que a xente se anime a vir e os pilotos non pasan tanta calor nos coches. Tampouco cabe dúbida de que o circuíto un pouco mollado é máis divertido, pero o problema é se nos vén un día moi malo de choivas.

-Algún cambio no trazado?

-Non se mudou nada no trazado, segue sendo o mesmo pero si que volvemos a reforzar algunhas curvas con novo material.

-Cantos participantes agardan e que categorías haberá?

-Nesta ocasión contamos con 34 inscritos e as modalidades habituais: as dúas de autocrós -máis e menos de 1.600cc- e carcrós.

-Como se prevén os horarios?

-Arrancarán os adestramentos de carcrós ás 12.00 horas, e se acompaña o tempo faremos sesións libres. A competición tamén comezará co carcrós, ás 15.00 horas, e logo terá lugar o autocrós. Dependendo da condición da pista hoxe decidiremos que cilindrada irá primeiro.

-Quenes portarán os vinilos locais por Rallyactividade?

-Nesta carreira contamos con Marcos Molinos en máis de 1.600cc, sobre o Peugeot 205. Javier Senín tamén competirá por Rallyactividad en carcrós.

-Como está a porra de favoritos?

-O título de campión galego de carcrós decidirase en Taragoña.Antón Muíños e Joaquín Chamorro son os punteiros da táboa. Yacarcross e Kincar están loitando polo campionato de autocrós, pero non agardamos grandes movementos neste apartado. Por outra banda, Desguaces Tino conforman o equipo máis numeroso e correrán nas dúas categorías.

-Volveremos a contar con presenza feminina entre os pilotos?

-Por suposto, Bárbara Gómez competirá en menos de 1.600cc por Desguaces Tino.

-Sei que aínda é cedo, pero como vai a reforma de O Castro?

-O proxecto segue adiante e confiamos en que para o ano xa o podamos ter, pero seguimos agardando por algúns trámites. Trátase da mellora da zona de aparcamento e o acceso ás instalacións, así como unha renovación do firme e a adaptación da área de boxes.