Creacións únicas con selo pobrense

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O primeiro taller de cerámica artística da comarca xa funciona na aldea da Lomba

07 mar 2024 . Actualizado a las 17:10 h.

Ata hai pouco era un garaxe o que resgardou das inclemencias meteorolóxicas a un dos primeiros coches que pisou as rúas da Lomba, unha aldea da Pobra, pero agora serve de acubillo de pezas únicas. O local foi bautizado como Raposiñas e é o primeiro obradoiro de cerámica artística que abre as súas portas en Barbanza. No seu interior, un equipo liderado por Loaira Pérez traballa de vagar, pensando cada deseño, esbozando cada forma, cocendo con esmero cada creación, deixándose inspirar polo mar, pola memoria, pola horta, pola chuvia... Todas as pezas que saian deste forno levarán o prestixioso selo de Artesanía de Galicia.

Para parir esta iniciativa empresarial, Loaira Davila contou coa axuda do seu pai, Melo Pérez. Ela concluíra os estudos de Belas Artes e estaba mergullada no mestrado de cerámica en Bilbao. Elixiu o proceso de montaxe dun obradoiro artesanal como eixe do seu traballo final. Non tardou en darse conta de que a iniciativa que deseñara sobre o papel podía levarse á práctica e optou por enfrontarse á burocracia na procura de fondos cos que materializar o seu proxecto. Foille concedida unha axuda do Igape, destinada á posta en marcha de empresas non agrícolas en zonas rurais, e no pasado mes de decembro comezou o traballo sobre o terreo.

A adecuación do vello garaxe no que durante anos gardara súa nai o coche foi o primeiro paso, e a compra da maquinaria o segundo. Foi un proceso lento, que culminou coa saída do forno das primeiras pezas, unha vaixela bautizada como Colección Lomba. De cara ao futuro, a idea é abrir o abano de posibilidades cara á xoiería e o deseño de pezas máis escultóricas, pero a artesanía require meditación e diferenciación: «Aínda que estamos entre a cerámica artesanal e a industrial, todos os nosos traballos son diferentes, porque lle damos moito valor ao esmalte, que facemos nós aquí desde cero, con compostos minerais».

Vías de comercialización

O feito de que Raposiñas estea localizado nunha aldea da Pobra non constitúe, polo menos nun primeiro momento, un obstáculo para os plans de comercialización que teñen os promotores deste proxecto, un proceso no que están mergullados agora mesmo: «Producimos coa idea de mover o produto por tendas e restaurantes, e tamén polas feiras. Ademais, estamos preparando unha páxina web co fin de dar canto antes o salto a Internet».

Na axenda de Loaira Pérez hai xa unha importante data marcada. Trátase de Artesanía no Prato, unha feira na que a emprendedora pobrense terá a oportunidade de amosarlle os traballos que xa saíron do seu obradoiro a cociñeiros e ceramistas de toda Galicia. De cara ao futuro, na súa mente está acudir a certames de carácter internacional.

Está convencida de que ter o selo Artesanía de Galicia lle servirá de axuda nos retos a afrontar a curto prazo: «É sen dúbida sinónimo de prestixio, e tamén constitúe un elemento de promoción bastante importante». No seu horizonte están, entre outros ceramistas, Ana Isabel, de Buño, e Ana Felipe Royo: «O meu obxectivo é poder dedicarme a facer pezas de autor e, claro está, que sexan valoradas. Aspiro a que chegue o momento no que me poida permitir non seriar tanto e confeccionar pequenas tiradas».

No interior do seu obradoiro da Lomba, cando Loaira Pérez mira ao seu redor, decátase de que, aínda que as aspiracións son moitas, o seu soño se fixo realidade: «Case non tiven tempo aínda para pararme e ser consciente de que conseguín chegar á primeira meta que me marcara. Agora mesmo, todo é traballo e máis traballo».