Ruídos

Carlos Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

15 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguro que en máis dunha ocasión lle pillou unha chamada no teléfono móbil no medio dunha rúa e tivo que cortar porque non escoitaba ao outro interlocutor, ou tivo que elevar o ton dunha conversa para poderse entender no medio do barullo. É a sensación contraria ao que sucedería nun lugar aberto da natureza. Esas dúas circunstancias teñen dous elementos que fan que sexan diferentes. No centro das vilas e cidades, os automóbiles producen niveis sonoros que, se os medimos cun sonómetro, superan os límites recomendados pola Organización Mundial da Saúde para evitar danos no oído, e os ruídos increméntanse nas avenidas e rúas en costa, sobre todo por parte dos coches que soben, que son os que máis ruído producen.

Este factor debería ser decisivo nos plans de mobilidade das cidades, dando prioridade ao sentido de baixada nas rúas máis estreitas. Pero hai outro factor que multiplica o efecto ruidoso dos automóbiles, que é o abuso de superficies reflexivas e a escaseza de elementos absorbentes. Comezando polo pavimento, ben o asfalto, a pedra ou o formigón, que son nulos absorbentes de ruídos, pero tamén as fachadas, xa que a pedra e os vidros non absorben apenas ningunha onda sonora, reflectíndoa e multiplicándose polo efecto reverberatorio.

Soluciónase coas árbores a ambos os lados das rúas, e tamén con beirarrúas con áreas de herba ou elementos vexetais. Non imaxinamos cantos decibelios se coan entre as follas das árbores ou son absorbidos polas superficies vexetais ou de terra. Un modelo de cidade no que non sufrimos tanto o ruído é o deseño aberto do movemento moderno.