Nebra uniuse arredor dos seus mártires

Por primeira vez en anos, na ponte de Cans houbo unha única homenaxe na memoria dos veciños asasinados en 1916 por negarse a pagar un tributo inxusto


Ribeira / La Voz

Onte fíxose xustiza en Nebra, e as cinco persoas que hai 103 anos perderon a vida, e as ducias que resultaron feridas, por negarse a pagar un imposto abusivo, recibiron a homenaxe que merecían. Por primeira vez en anos, a voz da parroquia sonense foi unha soa, e no canto de dous, houbo un só acto na memoria dos mártires de Cans.

Foi a casualidade a que uniu as dúas homenaxes que tradicionalmente se viñan facendo en Nebra cada 12 de outubro. Por un lado, estaba a iniciativa veciñal, promovida por Paco do Martelo e hoxe continuada pola súa familia; e, do outro, o recoñecemento do BNG. Onte ámbalas dúas ofrendas florais estaban programadas para a mesma hora, e iso propiciou que finalmente todo se fundira nun só acto que moitos esperan que se manteña no tempo.

Tarde emotiva

A lembranza aos mártires que a comezos do século pasado perderon a vida na ponte de Cans foi este ano especialmente emotiva, porque se unificou nun só acto e pola ausencia do seu principal precursor, Paco do Martelo, falecido hai uns meses.

Balbino González, voceiro do BNG de Porto do Son, recoñeceu o papel fundamental de Paco do Martelo para dar a coñecer o que ocorrera en Nebra no 1916 e renderlle aos falecidos unha homenaxe que se vén celebrando dende hai vinte anos: «Foi el o que afondou na historia para saber o que aquí aconteceu e o espallou».

Recordou tamén que se cumpren 103 anos da inxustiza e que, a pesar do tempo transcorrido, «segue a haber abusos aos que non se pon freo e que sempre pagan os mesmos».

No acto tamén falaron Santi Suárez, a concelleira nacionalista Patricia Torrado e Néstor Rego, cabeza de lista do BNG ao Congreso pola Coruña, que afirmou que a homenaxe aos mártires «é por xustiza, porque o seu exemplo sérvenos no presente». E chamou á cidadanía a rebelarse contra as inxustizas e «erguerse contra os que nos espolian».

Pequena exposición

Pola súa parte, Toño Calo, fillo de Paco do Martelo, falou no nome dos veciños e da súa propia familia, e aproveitou para recordar e poñer en valor o labor do seu pai para desenterrar o que ocorreu aquel 12 de outubro de 1916 na ponte de Cans e contar a verdade, en lugar da versión oficial que no seu momento ofreceron as autoridades.

Con ese obxectivo, tamén se montou unha pequena exposición no local veciñal de Nebra arredor da figura de Paco do Martelo. Nela hai recortes de xornais sobre as diferentes homenaxes aos mártires, os carteis anunciándoos, libros que recollen a historia da parroquia e daquel tráxico día, fotografías tanto dos actos coma do propio Paco, e tamén o borrador do escrito que deu pé ao recoñecemento aos falecidos. Recordaba Toño que, no 75 aniversario da masacre, o seu pai escribiu un texto contando a historia que colgou na porta da igrexa de Nebra. Ao día seguinte desapareceu e colgou outro, que tamén foi arrincado. Pero hoxe ninguén lles nega o recoñecemento que merecen.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

Nebra uniuse arredor dos seus mártires