O BNG nega que estea a negociar a súa entrada no goberno local da Pobra

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

Laura Novelle é a nova responsable da agrupación nacionalista no municipio

12 oct 2019 . Actualizado a las 13:19 h.

Dentro do proceso de renovación interna que está a vivir o BNG da Pobra, Laura Novelle vén de resultar elixida como nova responsable local, mentres que Severino Romero é o novo vicerresponsable. Amparo Cerecedo aproveitou estes nomeamentos para aludir á complexa situación política no municipio e negar que a súa formación estea a participar en conversas para formar parte do executivo.

A dimisión dos edís nacionalistas elixidos nas urnas o pasado mes de maio deixou ao goberno nunha situación de maioría temporal que lle permitiu aprobar unha segunda dedicación e un posto de confianza nun pleno extraordinario que o BNG define coma unha manobra «caciquil». «Neste momento, a prioridade para o BNG é restituír a democracia no noso concello, e dicirmos restituír porque foi usurpada polo goberno de Nós Pobra e PSOE, que aproveitaron unha falsa maioría en beneficio propio», asegurou Cerecedo, que insistiu en instar ao goberno, «se aínda ten unha pinga de dignidade», a convocar unha nova sesión de urxencia «onde revoquen estes acordos. É necesario revocar o pleno da vergoña». Sinalou que o ocorrido senta un precedente e que os servizos xurídicos da formación están a estudar as vías que existen para lograr o seu obxectivo.

Boas expectativas

En canto á nova responsable local, Laura Novelle asegurou que encara esta nova responsabilidade «con ilusión e moita enerxía positiva». Así mesmo, afirmou sentirse motivada nun contexto de «boas perspectivas para o BNG nas vindeiras eleccións xerais. No que respecta á agrupación pobrense, explicou que se celebrarán asembleas abertas nos meses pares «para escoitar e intercambiar opinións con toda a veciñanza. Queremos estar a pé de rúa, falar cos veciñso e veciñas e respostar ás súas necesidades».