Xela Vázquez: Unha ribeirense amosando Marsella

laura veiga / m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Vén de constituír a súa propia empresa de turismo na cidade situada ao sur de Francia

03 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Á beira do Mediterráneo, na cidade francesa de Marsella, os turistas comezan a percorrer as rúas da man dunha veciña de Carreira que, buscando a súa liberdade, vén de fundar Flashback Tours. Despois de estudar un Grao en Historia da Arte e unha especialidade en Profesorado, Xela Vázquez decidiu conxugar as dúas ensinanzas nunha profesión que a ía afastar do seu fogar, pero coa que goza infinitamente: a de guía turística. «Nas clases, os alumnos están case que por obriga, como guía podo explotar toda a parte que me encanta da historia da arte e ademais sei que a xente está aí por vontade propia e que lle está prestando atención ao que conto», di esta galega emigrada.

Pese a non ter en mente, nun primeiro momento, facerse unha carreira como guía turística, Vázquez tivo unha oportunidade que non puido deixar escapar. No 2014, a empresa White Umbrella Tours buscaba representantes para estrear a súa delegación en Budapest e, despois duns primeiros intres de dúbidas, Vázquez fixo as maletas.

Esta compañía fíxose famosa polos seus free tours, onde os guías fan un percorrido pola cidade sen poñer un prezo e, ao final deste, os turistas pagan o que consideren segundo a súa valoración e posibilidades económicas. Este modelo é o que Vázquez implanta hoxe na súa empresa. Ademais, como guía, tamén foi a encargada de deseñar as rutas únicas da empresa, que buscaba distinguirse das tradicionais.

Estancia en Budapest

Despois de catro anos nesta delegación da compañía, a titulada comezou a pensar en marchar: «Levaba moito tempo en Hungría e eu penso que cando quedas moito tempo nun lugar, faise cada vez máis complicado volver del. Eu botaba moito de menos o meu fogar: Galicia».

Foi en Budapest onde coñeceu a tres amigos, os guías cos que vén de fundar o seu propio negocio en Marsella. Os motivos para emprender foron diversos, pero hai un que destaca por enriba de todos: «Antes xa tiña liberdade para crear o meu propio discurso, pero agora, moita máis. Por exemplo, eu nos percorridos inclúo moitas cousas das mulleres porque case nunca se conta nada sobre elas».

Sobre a cidade na que comezar, no grupo non houbo demasiadas discusións: «A min quédame máis cerca de Galicia, pero ademais, é unha vila que se afasta moito do estereotipo que temos de Francia. Despois de vir aquí de viaxe, a historia que hai nela cativounos a todos».

Pero o que roubou o corazón destes guías non foi só a cidade: «En Budapest, o clima é parecido ao noso. Pero os meus compañeiros son de outras partes de España, e un, de Sri Lanka, entón necesitaban un clima algo máis cálido», di Vázquez divertida.

Plans de expansión

Con apenas uns meses de actividade, os catro amigos aínda están comezando a probar e a descubrir as rutas que mellor funcionan. «Pídennos moito o free tour, que habitualmente o facemos pola zona vella e dura arredor de dúas horas. Unha dificultade por exemplo é cando vén xente de cruceiro, porque realmente eses turistas pasan cinco ou seis horas na cidade e o tempo quédase un pouco escaso».

Ademais, Vázquez pode presumir de ser a primeira da empresa en guiar a un grupo: «Tocoume facer o primeiro percorrido por Marsella e resultou que os turistas eran galegos, eran de Baiona».

En canto ao futuro, coa empresa recentemente fundada, non pensan en ampliar a outros países, pero non descartan totalmente unha pequena expansión: «O primeiro no que pensamos é en ter traballo para nós os catro, pero estamos dándolle voltas ao tema de abrirnos cara a unha vila que está a media hora de Marsella. Houbo bastante xente que nos preguntou pola posibilidade de realizar percorridos por esa zona, xa que non hai nada parecido funcionando alí e é unha localidade moi bonita para visitar».