Momboi: «Queremos que bailen con nós»

As influencias da banda varían dende o jazz ata as melodías típicas sudamericanas

m. x. b.
Ribeira / LA voz

Os ritmos latinos propios da música máis «chicaracheira» sudamericana, como a cumbia ou a rumba, mestúranse en Momboi con melodías jazz e funk. O proxecto naceu no verán do 2018, pero a súa semente xa levaba un tempo xerminando. Cando Brais Sánchez marchou de Barcelona trouxo as súas ideas de volta con el a Galicia. Estas renovarían a liña estilística que xa comezara a experimentar no seu antigo repertorio.

Foi el quen fundou Momboi, cóbado a cóbado co seu batería, Beny Mayo. Estes dous amigos xa levaban traballando xuntos dende o 2000, cando tocaban metal na banda noiesa Kertuler. Os seus camiños non se separaron dende aquela, pois ao longo dos anos seguiron colaborando o un co outro en diferentes proxectos.

Este percusionista forma parte do grupo, tamén noiés, Monoulius Dop. Aquí coñeceu a Carba, agora guitarrista de Momboi. André Garabato é o teclado da banda e foi escollido grazas á recomendación dun profesor do conservatorio da vila.

Unha vez formado o grupo e cos temas que Brais Sánchez gardaba no seu caixón, só faltaba darlles forma. Dedicaron o 2018 á súa composición: «Aínda que as ideas principais foran miñas, cada un dos meus compañeiros foi facendo os arranxos que consideraron convenientes para a nosa música», afirma o pai da banda.

O debut

O primeiro de abril deste ano sacaron o seu

single

debut

Osvaldo

. Este sinxelo definírono como «o precedente de todo o que está por vir». Coas cancións compostas comezaron a presentar nas salas o que sería o seu primeiro álbum: un EP de cinco cancións no que as grandes protagonistas son influencias latinas.

A actuación feita na Corte dos Bois é unha das funcións que cómpre destacar no seu cartel. Brais Sánchez conta que «foi moi importante para nós tocar aí. O local é un referente do jazz en Galicia. Moitos grupos importantes deixaron alí a súa pegada».

Un dos seus comezos foi no UPK Day. Neste singular festival de Ribadavia, o único instrumento utilizado nos concertos é o ukelele. Esta exclusividade supuxo un gran reto para a banda: «Tivemos que adaptar o repertorio enteiro».

Nos concertos que proseguiron esta actuación comezaron a tocar as cancións do álbum, máis aquelas outras novas que xa se están compoñendo: «O EP aínda non saíu á luz, pero nós xa estamos pensando no segundo. Incluso temos algúns temas xa feitos». Brais Sánchez xustifica que esta espera por presentar ao público o seu primeiro traballo débese á dificultade que supón facer un álbum de estudo: «O que nos falta é a fabricación e a edición física».

O pasado 29 de xuño celebrouse en Baiona a gala do concurso Mellor Canción Galega e foi Momboi quen se fixo coa prata con Osvaldo. A finalidade do certame é impulsar e recoñecer a creación, a diversidade e a calidade da música galega.

Boa acollida

Brais Sánchez conta a alegría que lle supón a boa acollida que está tendo Momboi: «O panorama é bastante esperanzador. A nosa música é alegre e o que máis nos gusta é que a xente o pase ben. Queremos que bailen con nós e xa está comezando a suceder».

Co seu segundo single, Uxía, xa presentado, agardan poder publicar o seu EP neste outubro. Pero esta publicación non suporá un descanso. As seguintes cancións xa se comezaron a compoñer: «O último que estivemos facendo foi adaptar a nós os ritmos da psicodelia brasileira. O que agora estamos a pensar é en como o presentaremos. Facer un disco é algo moi custoso. Temos que tentear todas as opcións».

Da comarca. Todos os integrantes de Momboi son procedentes da comarca. Os dous fundadores son noieses, o guitarrista da Serra de Outes e o teclista, de Porto do Son.

Primeiro álbum. O EP sairá á luz este outono. Polo de agora, os singles publicados son Osvaldo e Uxía.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Momboi: «Queremos que bailen con nós»