A bisbarra gañou preto de 6.000 galegofalantes na última década

Segundo o IGE, o 88,85 % da poboación fala maioritariamente a lingua autóctona


Ribeira / la voz

Á vista dos resultados da enquisa sobre o coñecemento e o uso do galego que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE), a bisbarra barbancesa é dos poucos territorios de Galicia onde aínda se fala o idioma autóctono de xeito moi maioritario. De feito, os concellos da comarca atópanse entre os municipios da comunidade autónoma con maior porcentaxe de galegofalantes, e a cifra incrementouse en dez puntos con respecto ao 2008. Durante a última década, o número de barbanceses que empregan principalmente a lingua de Rosalía incrementouse en case seis mil persoas.

Nun contexto no que o uso do galego está en retroceso no conxunto de Galicia, a bisbarra supón unha sorte de oasis. Segundo os datos do IGE, o 88,85 % da poboación das comarcas de Barbanza e Noia empregan habitualmente a lingua autóctona, mentres que no caso de Muros a porcentaxe dispárase ata o 92,43 %. Estas cifras non só están moi por riba da media de Galicia (52,29 %) e da provincia coruñesa (52,93 %), senón que ademais supoñen un incremento importante con respecto ao escenario que debuxaba a enquisa hai dez anos. No 2008, era o 78,42 % da poboación barbancesa a que declaraba falar sempre ou case sempre no idioma de Rosalía, o que supón un total de 76.472 persoas.

No 2018 -último ano ao que fai referencia o estudo- a cifra de galegofalantes habituais nos municipios da zona elévase a 82.434, 5.962 veciños máis que unha década antes.

Cabe subliñar que este incremento vénse sostendo no tempo. A diferenza do que ocorreu en boa parte de Galicia onde a proporción diminuíu, no 2013 a porcentaxe de barbanceses que empregaban habitualmente o galego era do 79,03 %, case un punto máis que a cifra rexistrada no ano 2008.

Entre os tres primeiros

Con este datos, a bisbarra sitúase, por detrás das áreas da Costa da Morte e A Coruña suroriental (que abrangue as comarcas de Arzúa, Ordes de Terra de Melide), entre os territorios galegos onde o uso da lingua autóctona é maior. En canto aos barbanceses que falan exclusivamente ou maioritariamente en castelán, son un total de 10.344, fronte aos 21.048 que segundo o IGE había hai dez anos.

Este escenario choca de xeito frontal co que debuxa a enquisa a nivel de Galicia, onde hai un retroceso no número de persoas que falan sempre en galego e onde o panorama que se perfila cara o futuro é desolador. De feito, segundo o estudo, a proporción de rapaces de entre 5 e 14 anos que se expresa sempre nesta lingua é do 14, 27 %, fronte ao 44,31 % que o fan en castelán.

«Con escasos recursos e con vontade poden facerse cousas»

M. Gómez

Non hai unha razón que por si soa explique por que a bisbarra é unha especie de oasis no uso do galego, pero técnicos en normalización lingüística coma David Cobas, que traballa en Rianxo, teñen clara unha cuestión: naqueles concellos nos que se fai un traballo para promover a utilización da lingua nótase. Porén, iso non resulta doado porque os medios existentes son poucos: «Con escasos recursos e con vontade poden facerse cousas».

Cobas incide na importancia das persoas para traballar a prol do galego: «Ao final é a implicación de técnicos, políticos, familias e profesorado o que permite facer cousas con recursos moi pequenos. Aquí hai unha vontade tremenda, tamén do asociacionismo, e técese unha rede para unir esas vontades que frutifica». Neste sentido, o Concello de Rianxo participa en diversos proxectos que transcenden o ámbito municipal, como poden ser o programa Apego, Youtubeir@s ou o club de debate: «Son iniciativas que van conseguindo avances. Aquí ademais faise un traballo de coordinación cos centros de ensino, con outras concelleiras e con entidades, hai unha perspectiva integral».

Seguir leyendo

¿Parabéns?

A última enquisa sobre o coñecemento e o uso do galego amosa uns resultados cando menos sorprendentes ao establecer un incremento no número de barbanceses que empregan exclusivamente ou maioritariamente o galego. Sen dúbida é unha gran nova para a lingua, pero de xeito paralelo resulta que cada vez se escoita máis o castelán nas vilas da comarca, e o coñecemento do idioma autóctono por parte dos cativos é cada vez menor. Igual non hai tantos motivos para felicitarnos.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A bisbarra gañou preto de 6.000 galegofalantes na última década