Roberto Lago: «Con 29 anos sinto a mesma ilusión»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

JORGE PARRI

O fútbol foi e é a gran paixón deste xogador do Xoneira, aínda que recoñece que a súa traxectoria polos terreos de xogo da Costa comeza a rematarse. ¿Quen sabe se o seguinte paso será como adestrador?

30 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucos nomes máis asociados á palabra gol que o de Roberto Lago Rama (Leganés, 1990). Coñecido nos terreos de xogo como Roberto Pladur, o punta de Esteiro colleu as maletas esta tempada para enrolarse nas filas do Soneira. O proxecto, as gañas de competir e a ansia por seguir gozando do fútbol levárono a dar o paso. Tras un ano no que alzou a Copa da Costa coa Esteirana, era o momento de pechar outra etapa da súa carreira.

-Como valora o pasado curso? Descenderon, pero tamén conseguiron este título costeiro.

-O certo é que foi un ano difícil, que se compensou co título da Copa da Costa. Para min tivo un sabor agridoce. Buscabamos a permanencia, pero non puido ser.

-A copa ben vale un Potosí. É un título polo que moitos matarían.

-Nunca aspirei a gañala, polo menos coa Esteirana, xa que tamén a xogan equipos de Primeira Rexional e Preferente. A xente da Costa da Morte víveo. Estiven oito anos na Coruña e, alá, á copa non lle fan moito caso, ao igual que os de Santiago coa Copa do Sar. Non o viven nin a metade do que o vivimos nós.

-E agora foi para o Soneira.

-Si, necesitaba un cambio de aires. Marchei da Esteirana, pero sempre coa opción de volver. É o meu equipo de sempre. Pero xa teño 29 anos e se volvía a marchar tiña que ser agora. Isto do fútbol vaise acabando, xa chega unha idade... O Soneira interesouse por min. Teñen un proxecto bo, márcanse o obxectivo de estar o máis arriba posible e incluso conseguir o ascenso. Coñezo a moitos dos compañeiros por haber xogado contra eles. Gustoume a idea, houbo máis equipos que preguntaron, pero o Soneira foi o que máis me convenceu.

-Que tal o comezo no novo club?

-O arranque foi bo, tivemos dous derbis nos primeiros partidos e era importante gañar para ter unha boa dinámica. Conseguímolo, pero xa tivemos o primeiro tropezo da liga. O equipo tiña baixas. Eu era unha delas, estiven con febre e nin sequera puiden velo. Pero polo visto non estivemos acertados arriba e a balón parado faltounos algo de intensidade.

-No fútbol non hai rival pequeno. O que menos esperas, chega e píntache a cara.

-Nesta liga, en Primeira, a verdade é que toca loitar se queremos estar arriba e conseguir os obxectivos. Temos que dalo todo porque ninguén regala nada.

-Ponse unha cifra de goles para este curso?

-A verdade é que non son de poñerme cifras. Sempre me gustou meter goles, sempre quería ser pichichi. É o meu obxectivo como dianteiro, pero co paso dos anos doume conta de que non é o único que podo facer. Costa moito marcalos e noto que podo aportar algo máis ao equipo. Sempre ando nuns 15 ou 20 tantos e espero seguir por aí.

-Leva toda a vida xogando. Que significa para vostede o deporte rei?

-Para min o fútbol é, non sei como dicilo. Pero a miña vida sempre xirou arredor del. Saquei o título de adestrador, e xa comeza a picarme o gusanillo de levar un equipo de rapaces. Quero saber que se sente dirixindo dende o banco. É un deporte que levo practicando dende neno, pero non sei. Aínda agora, con 29 anos, sinto a mesma ilusión que cando era un neno e un rapaz novo que comezaba a xogar. Creo que iso non debe desaparecer. Se o perdes, xa non é o mesmo.

-Pasou unha morea de anos na Esteirana.

-En Esteiro xa pensei que ía rematar ata o final dos meus días como futbolista, pero no 2014 chamáronme do Xallas. Estaba nunha situación complicada e eu estaba metendo goles na Costa. Ofrecéronme un proxecto que me gustou. Estaba estudando e foi un plus económico. A parte tiven a posibilidade de xogar en Preferente. Estiven dous anos e foi unha experiencia incrible.

-E unha cousa. O de Pladur a que vén?

-Meu pai foi un dos pioneiros no tema do pladur. Antes de que eu nacera, estivera en Estados Unidos e trouxo o material para Esteiro. Cando cheguei de Madrid eu era o fillo de Pladur. Non te creas que me gustaba moito ao principio. Pero o dos alcumes é así. Acabas acostumándote.