Fervenza de sensacións e emocións de Nina

EME CARTEA

BARBANZA

CEDIDA

Antonio Piñeiro foi o gañador do Premio Torrente Ballester 2017 coa obra A través do fume

27 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Piñeiro, profesor, editor, gravador, multipremiado poeta e narrador, coñecido e recoñecido no mundiño das letras, foi o gañador do Premio Torrente Ballester 2017, coa obra A través do fume, que hoxe nos interpela da man da Ed. Galaxia.

A protagonista, Nina, regresa a Santiago dende o aeroporto belga de Zaventem «asolagada nunha fervenza de sensacións e emocións» a través do fume dunha viaxe interior que é espacial e dobremente temporal: do presente ao pasado, pero tamén da nenez á adultez. Un carrapito dialóxico no que conflúe o que ve, oe, sente e lembra coas palabras de súa nai e as súas propias reflexións de agora e entón.

Dende a conciencia da protagonista, o autor traza nunha narración magmática, intensa e participativa -entre o monólogo interior e o soliloquio, a modo de extenso monólogo intercalado-, a historia dun gran amor que sucumbe ao asedio da ausencia, sobre o pano dunha paisaxe humana, familiar e colectiva, propia da Galicia dos duros anos da emigración a Europa.

Finalmente, reconciliación consigo mesma e coa «terra», coma metáfora rota do que puido ser e xa non é, a non ser como viaxe imaxinaria e fantasía desexable pero imposible. O amor, como a vida, nunca retorna.

«A través do fume»

Antonio Piñeiro

Editorial Galaxia (2018)

126 páxinas