Desexo de tocar un instrumento

La Voz

BARBANZA

Empezou a coller o gusto polo teatro cando estudaba no colexio Castelao, pero non entra en Airiños ata os 15 anos

27 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O seu nome artístico é Merchi Pimentel. Aínda que a saga dos Rodríguez sexa de moita prosapia no Rianxo paterno, identifícase cos Pimentel, que tamén ten o seu aquel nestes lares. Así que para nós é a filla de Maruja a Pementela. Veu ao mundo na aldea de Asadelos na década dos sesenta. No colexio Castelao de Rianxo empeza a collerlle gusto ao teatro, pero a partir dos 15 anos toma contacto con Airiños, participa en recitais poéticos e nalgún papel de obras infantís. Despois pasa ao grupo dos maiores e figura no elenco das obras daquelas datas. Entre elas recorda O rei da Carballeira por ser a primeira vez que pasa de ser figurante a ser actriz con texto. Logo chegaría o momento de representar personaxes de prestixio coma en Os vellos non deben de namorarse. Xa casada e con dous fillos deixa a escena por un tempo, mais unha vez que os nenos están escolarizados volve ao colexio para colaborar coa mestra María Carrodeguas na montaxe e dirección de obriñas para alumnos do centro.

A día de hoxe traballa no CEIP Rosalía de Castro en Carril, como coidadora de nenos con problemas de integración social e, ademais, dirixe o grupo de teatro Pereira de Lobos dende hai seis anos, formado por mestres do centro, que montan veladas de fin de curso.

Segunda etapa

Da segunda etapa con Airiños xa van alá 11 anos, e califícaa como «moi intensa; ademais das funcións, apúntome a todo o que me propoñan sempre que poida».

Defínese como nacionalista, feminista, activista e teatralista. Non é devoradora de libros por falta de tempo. Prefire a Manuel Rivas, Almudena Grandes, Riveiro Coello... A última lida foi Infamia, de Ledicia Costas. Gusta da temática que xira arredor da Segunda República, e tamén das biografias. Agora está coa de Castelao, de Miguel Anxo Seixas. É moito de escoitar música, case de todos os estilos, e de asistir a concertos. E manifesta que, se puidese modificar o seu pasado, aprendería a tocar algún instrumento, «o clarinete en concreto, encántame!».

Simulamos un dúo de clarinete e mándannos calar. Ai que ver! Sálvanse que non temos caracteres que, se non...