Retrato de Ánxela Franco

Maralla Paz firma o cadro coa imaxe da política nacionalista


Dous nomes imprescindibles na vida social e cultural do Barbanza e máis alá da nosa bisbarra: a pintora de Corrubedo, Maralla Paz Franco, e a política sonense Ánxela Franco Pouso, dúas liñas de forza, dous remuíños de iniciativas. A pintora máis matérica e máis expresionista fronte á política nacionalista máis inqueda, con máis forza, sempre a carón dos débiles. Forza sumada e mais enerxía e, non obstante, o retrato de Maralla logra transmitir enerxía e, ao mesmo tempo, serenidade. Quizais porque é xa unha homenaxe póstuma, Ánxela acada unha expresión luminosa, de labor cumprido, de traballo feito. Expresividade, equilibrio das cores, alegoría da entrega á causa da Galiza, ben evidente, para amosar o retrato definitivo da personaxe: beleza das flores, seguridade na expresión da retratada, forza do símbolo.

Na obra rebáixase a textura, procúrase o ritmo compositivo, dótase de expresividade a retratada. Aquí está Ánxela xa máis alá do tempo, pero sempre na Galiza, serena pero decidida.

Como nos retratos romanos, non está só a imaxe, non só a alma da retratada, senón tamén a súa decisión, a súa permanencia. Un realismo expresivo e simbólico, nun locus amoenus, pero coa bandeira ergueita. Na eternidade e no presente. A pintora do mar representou firme a Ánxela Franco en terra. Sempre entre nós.

Firme coa materia

Dende 1981, a arte de Maralla traballa firme coa materia, e é posible que as súas orixes no esmalte e na cerámica lle achegasen esta seguridade no manexo da materia, pero o tempo foille dando unha pátina de serenidade, de equilibrio, de maior contención formal. Dedicada ao paisaxismo, co mar como referencia principal, mais tamén á arte abstracta, o seu apetito artístico lévaa a cultivar e dominar diferentes estilos pictóricos, da tradición á modernidade, sempre na procura da comuñón non só co espectador, senón tamén co representado, e esa fusión queda ben evidenciada neste retrato, onde se procura amosar a figura, pero tamén homenaxeala, ir máis lonxe do evidente, ler a figura pública de Ánxela Franco, fixala na memoria non somente de xeito veraz e expresivo senón de xeito que o espectador entenda o seu significado, partícipe desa unión entre o persoal e o colectivo, entre o eu e o nós. Equilibrio tamén na forma, no uso da cor e da luz, solaz e enerxía.

Aos que coñecemos, quixemos e respectamos a Ánxela, non deixa de nos impresionar, de abraiar, a determinación e a serenidade da súa ollada, a paz que transmite o retrato, pero sen traizón ao carácter dunha muller que foi paixón e forza, compañeirismo e debate, amor pola xustiza e por Galiza.

E aí están, xa para sempre, a psicoloxía da mirada, o amor ao país, a seguridade de estar facendo o que consideraba verdadeiro e xusto.

É o que teñen os artistas como Maralla, que dan a medida real do representado sen traizón e renuncia á propia expresión.

A pintora reflicte en Ánxela Franco a expresión luminosa do labor cumprido, do traballo feito

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Retrato de Ánxela Franco