José Ángel Docobo: «A finalidade de O camiño das estrelas é achegar a astronomía a todo o mundo»

Uxía Pérez / m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Andrea Regueiro

A VIVA VOZ | Promove observacións nocturnas do ceo en diversos lugares de Galicia

13 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En vista da chegada do ano santo en 2021, a Consellería de Cultura e Turismo abriu ao público O teu Xacobeo, unha convocatoria na que tería cabida todo aquel proxecto relacionado coa celebración, e que axudase a aumentar a programación sociocultural durante este exercicio e o que vén. O catedrático da USC José Ángel Docobo, director tamén do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, impulsou a creación do Camiño das estrelas, un espazo dedicado á divulgación da astronomía por toda Galicia.

-Como lle definiría o contido do seu proxecto á xente que nunca escoitou falar del?

-Trátase de observacións públicas do ceo. A finalidade de O camiño das estrelas. As estrelas do camiño é achegar a astronomía a todo o mundo, percorrendo diferentes concellos de Galicia

-Como naceu a iniciativa?

-O programa levouse a cabo grazas á convocatoria de O teu Xacobeo. A relación que mantén a astronomía con esta celebración é a Vía Láctea. Esta guiaba aos peregrinos cara a Santiago de Compostela durante a noite.

-Que tipo de instrumentos se utilizan nas observacións?

-Utilizamos telescopios portátiles, pero tamén levamos a cabo observacións a simple vista.

-Que tipo de astros se poden identificar ben a simple vista?

-Nesta época podemos observar dous planetas que son Saturno e Xúpiter, as estrelas e as súas constelacións e tamén a lúa, cando estea visible claro. Os corpos que examinamos cos telescopios son as estrelas dobres, os cúmulos estelares e as nebulosas.

-Con que formación acompañan as observacións?

-A nosa principal función é divulgar, por iso nestas sesións explicamos como observar os astros. Describimos a conexión da Vía Láctea co Camiño de Santiago e tamén aproveitamos as condicións de cada día.

-Un exemplo disto sería...

-O 16 de xullo foi a primeira observación que fixemos. Esta levouse a cabo dende o Pico Sacro e aproveitamos o eclipse de lúa dese día para explicalo.

-Considera que esta actividade esperta moita curiosidade?

-Si! De feito as nosas sesións son moi numerosas. Recordo a nosa cita no Alto de San Bartolomeu, en Santa Comba, o 12 de agosto. Aquel día reuníronse máis de 200 persoas.

-Teñen pensado levar a cabo esta actividade na zona do Barbanza ou na Costa da Morte?

-Si, xa fixemos varias observacións en Rianxo e Noia. Tamén imos facer unha en Fisterra. De todos xeitos, o proxecto non remata ata o 31 de outubro. A nosa axenda está aberta a calquera tipo de proposta dos concellos.

-Hai algún tipo de astro ou corpo celeste que se aprecie de forma diferente dende a costa?

-Non. O que buscamos son lugares que teñan pouca contaminación lumínica, pero que tamén sexan accesibles. Esta actividade é divulgativa, polo tanto temos que levala a cabo en lugares que estean á man da xente. Por exemplo, en Noia celebramos a observación no paseo marítimo e en Rianxo, na Ribeira. En Fisterra quérese facer preto do faro, pero aínda non hai nada pechado.

-É a primeira vez que dende o observatorio levan a cabo unha actividade así?

-Este é o primeiro ano que se leva a cabo O camiño das estrelas. As estrelas do camiño, pero si que é verdade que xa fixemos actividades parecidas noutras ocasións. O proxecto Todocosmos da Fundación Española da Ciencia e da Tecnoloxía é un traballo moi similar.

-Unha vez acabe esta actividade en outubro, teñen pensado organizar observacións similares no inverno?

-Durante o inverno seguimos facendo observacións abertas ao público, pero estas sempre teñen lugar dende o noso observatorio en Santiago de Compostela. O máis común é que estas observacións estean destinadas a grupos escolares.