Juan Carlos López, Chu: «O máis lóxico sería un empate»

BARBANZA

GUS DE LA PAZ

Adestrador do Puebla no encontro de liga contra o Boiro do 1996, espera un encontro de máxima tensión na Alta

22 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Carlos López, Chu (A Pobra, 1956) foi o último técnico do Puebla que se enfrontou ao Boiro nun partido de liga. Fíxoo o 24 de marzo de 1996, en Barraña, nun encontro que rematou con empate a uns. Pai de outro adestrador insigne da comarca como Rubén López, non dubida en botar a mirada atrás para valorar como o tempo cambiou un deporte que pasou de ser o divertimento do pobo para converterse nun fenómeno de masas.

Recorda aquel Puebla do 96?

Si, o conxunto baseábase no equipo xuvenil co que foramos campións tres veces en seis anos. Toda era xente do pobo e eu fixérame cargo del un ano antes, cando baixamos de Preferente.

O fútbol cambiou dende aquela.

Moitísimo, agora adéstrase dunha maneira diferente. Os campos non son os de antes. Nos íamos á Alta cando nos deixaban. Tivemos que exercitarnos en Palmeira porque cando había rugbi na Pobra levantaban todo o campo. Agora hai máis recursos, as canteiras están máis coidadas. Daquela só había un equipo de xuvenís e agora empezan en prebenxamíns, aos 6 anos xa comezan a xogar ao fútbol e daquela ata os 17 non ían a un campo. Os técnicos tamén están moito máis preparados.

Pero daquela o fútbol vivíase doutra forma.

Non había televisión, a xente tiña o partido do sábado e o do domingo, e para de contar. Daquela temos enchido a grada. A xente acudía en masa, tamén en Palmeira, Ribeira ou Boiro.

Como eran os derbis contra o Boiro?

Eran partidos de moito nervio e tensión. Coñeciámonos todos e a rivalidade era san. Non había problemas entre as afeccións, cada un defendía as súas cores. Na época na que a min me tocou adestrar os nosos eran todos de aquí, antes viñan de Santiago, Vilagarcía.

A veces non queda outra.

Si, pero tes que coidar a canteira. Non pode ser que veñan oito ou dez de fóra, como ten pasado. Os rapaces precisan oportunidades para facerse un oco.

Como o ve ao Puebla destes últimos anos?

Parece que dende que está o novo adestrador estase confiando na xente moza e está sacando rapaces da zona para tratar de ter un conxunto compensado.

Aínda que o seu fillo estivera tanto tempo no Boiro tivo tempo para ir pola Alta?

Ata este pasado ano ía ver ao Boiro, como podes comprender, pero cando tiña un oco subía ata A Alta. O domingo terei que ir ata alí, non me queda outra [rí]. Estou contento con esta directiva, o ano pasado aínda nos fixeron unha homenaxe.

Estivo moitos anos no club.

Xoguei durante 20 anos, ata que chegamos a Preferente. Despois encargueime dos xuvenís durante seis anos, que foi cando acabamos o campionato tres veces. Logo tocoume ser adestrador do primeiro equipo, cando marchou Segundo. Aí comezamos co proxecto coa xente do concello.

Se tivera que apostar por un resultado para este fin de semana cal cree que sería?

Eu ao Boiro aínda non o seguín este verán. Non vin ao equipo, pero creo que máis ou menos é o do ano pasado, descoñezo si se reforzou. Será un encontro de máxima rivalidade, con moita tensión e o máis lóxico sería un empate, ou unha vitoria pola mínima para o Puebla. O Boiro acaba de descender e ten que adaptarse á competición. Espero un partido bastante competitivo, pero doulle un plus ao Puebla. Coñece a categoría, xoga no seu campo e a afección sempre ten algo que dicir.