22 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha tía aboa miña que naceu no 1888, contábame que a súa nai traballara no almacén de salgadura da Illa de Rúa. Debeu de ser alá polos anos 70 do 1800. De non ser a primeira, debeu ser das primeiriñas da ría de Arousa. Daquela, mulleres e homes traballaban en Rúa dous ou tres días seguidos e, se o tempo o permitía, traíanos a terra firme nunha das dornas xeiteiras que había. Por aquel entón o enxeñeiro Rafael de la Cerda, rematara a construción do faro, a imaxe do de Ons.

Sendo eu un rapaz xa capaz de chegar a Rúa nunha dorna a vela, e lembrándome das historias da miña tía aboa, máis dunha vez percorrín a illa. Manteño na retina a beleza das construcións que había. Subindo unhas fermosas escaleiras de pedra bordeadas por un pasamáns chegábase a porta do faro. Lémbrome da beleza e confort daquela casa do torreiro, coas paredes interiores forradas de azulexos ou a cheminea de pedra. As cornixas de pedra labrada remataban nuns caños que recollían as augas da choiva e enchían o fermoso pozo redondo, hoxe cheo de porcallada incívica. Cando rebordaba, as augas vertíanse noutro xemelgo o que, como non, tamén está cheo de lixo. Hoxe, se salvamos as lagartas, as gaivotas e os parentes dos araos, toda a illa é unha porcallada. Os lagares e chancas da salgadura están soterrados pola maleza. E a fonte de Rúa (que recolle a auga que se condensa no teito dunha gruta), á que se acede por pasos feitos de cemento e argamasa, está medio desfeita e chea de desperdicios. As tres leiriñas que na illa había, perderon parte da terra o derrubarse os muros que as sostiñan. Daquela beleza feita pola man do home, non quedan máis que abandono, ruínas e excrementos.

Rúa pertence a Ribeira. Urxe unha reclamación para incorporala a Illas Atlánticas para reparar a desfeita. Que ninguén se chame a engano: a competencia e a responsabilidade son da Xunta.